Pestanas principais

Ames terá un “Nadal de Cine” coa proxección de seis filmes dirixidos á infancia e á mocidade

Martes, 19 de decembro de 2017

[19-12-2017] “Nunca apagues a luz” e “The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield” foron os filmes de terror escollidos polas mozas e mozos amesáns a través da votación que, ata o pasado 15 de decembro, estivo activa na páxina web municipal. A longametraxes, que serán proxectadas en Bertamiráns e no Milladoiro respectivamente, pecharán as dúas sesións de cinema que se celebrarán ao longo do Nadal no Concello de Ames. A primeira destas sesións terá lugar o día 29 de decembro, mentres que a segunda se desenvolverá o 4 de xaneiro. “Capitán Calzóns, o seu primeiro peliculón”, “A Momia”, “Gru 3, o meu vilán favorito” e “Rogue One” completarán a programación destas sesións. As entradas para as proxeccións xa están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames. O prezo por cada entrada é de 2 euros para maiores de idade e de 1 euro para menores de 18 anos.

O vindeiro venres, 29 de decembro, terá lugar a primeira das sesións de cinema encadradas dentro da programación de Nadal. A actividade, que se presenta baixo o nome dun “Nadal de Cine”, estará conformada pola proxección de seis filmes dirixidos a diferentes franxas de idade. A sesión do día 29 comezará coa exhibición da longametraxe Capitán Calzóns, o seu primeiro peliculón, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O filme, que estará destinada a un público de todas as idades, narrará a historia de dous escolares moi travesos que hipnotizarán ao director da súa escola para convertelo nun heroe de cómic: Capitán Calzóns.

De seguido, ás 19:00 horas, proxectarase o filme A Momia, a versión do ano 2017, na Casa da Cultura do Milladoiro. A longametraxe, que é protagonizada polo actor estadounidense Tom Cruise, relata a historia dunha antiga raíña momificada que un día, repentinamente, desperta da morte. Cunha maldade acumulada ao longo dos anos, a raíña espalla o terror desde Oriente Media ata Europa. O filme A Momia está recomendado para mozas e mozos maiores de 12 anos. 

Por último, o día 29 proxectarase o filme de terror máis votado pola mocidade na enquisa que foi realizada na páxina web municipal. Nunca apagues a luz resultou, finalmente, a opción máis votada cun total do 47% dos votos, polo que será exhibida ese día na Casa da Cultura de Bertamiráns. O 4 de xaneiro, data na que se desenvolverá a segunda sesión de cinema deste Nadal, o filme proxectado na Casa da Cultura do Milladoiro será The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield, que quedou en segundo lugar co 18% dos votos. Na enquisa, resultaron empatadas no terceiro posto as longametraxes Annabelle e Ouija: A orixe do mal cun 13% dos votos. Os filmes menos votados foron Insidious 3 que contou co 5% dos votos rexistrados e Sinister 2 que contou cun 3%. As longametraxes de terror serán as encargadas de pór punto e final as sesións de cinema ás 21:00 horas.

A película Nunca apagues a luz aborda a historia de Rebecca, unha moza que é perseguida desde nena por Diana, un ser estraño que só a pode atacar na escuridade e que está relacionada coa súa propia nai. Ademais, agora que Rebecca xa é adulta, Diana está a atacar ao seu irmán pequeno. The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield é, pola súa banda, unha secuela do exitoso filme Expediente Warren do ano 2013. A longametraxe aborda, de maneira real, a investigación que levan a cabo os demónologos Ed e Lorraine Warre, para axudar a unha nai que vive xunto cos seus catro fillos nunha casa chea de espíritos malignos. 

A segunda das sesións cinematográficas, que se desenvolverá o 4 de xaneiro, abrirase coa proxección do filme infantil Gru 3, o meu vilán favorito. Será ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta terceira parte, Gru deberá enfrontarse a Balthazar Pratt, que demostrará ser o seu peor inimigo ata o momento. Ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a exhibición de Rogue One: Unha historia de Star Wars, que estará dirixida a un público maior de 7 anos. Este spin-off relatará a construción da arma máis poderosa polo Imperio Galáctico, coñecida como a Estrela da Morte, e os plans dun grupo de rebeldes para roubala. Este filme está ambientado entre os episodios III e IV de Star Wars.

As entradas para as proxeccións xa están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames. O prezo por cada entrada será de 1 euro para menores de 18 anos e de 2 para maiores de idade. De igual maneira, as entradas tamén se poderán adquirir desde unha hora antes do comezo das proxeccións nas propias Casas da Cultura municipais. A Billeteira pechará dúas horas antes do comezo de cada proxección. Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro entradas. 

Obradoiro de Robótica Educativa
Este venres, 22 de decembro, terá lugar un obradoiro de robótica educativa, que estará dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos. Dito obradoiro desenvolverase na aula de informática da Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 10:00h a 14:00 horas. Para participar será preciso inscribirse, ata o 20 de decembro, enviando o formulario de inscrición – que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova – ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal.

O venres, 5 de xaneiro, desenvolverase o mesmo obradoiro, no mesmo horario, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para inscribirse, tamén será preciso enviar a ficha de inscrición ao enderezo omix@concellodeames.gal ata o 20 de decembro.