Pestanas principais

Ames tínguese de negro para amosar a súa repulsa contra a violencia de xénero

Luns, 18 de novembro de 2019

O Concello de Ames participa por cuarto ano consecutivo na campaña En negro contra as violencias, que busca poñer na axenda pública a loita para rematar con todos os tipos de violencia de xénero en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro luns, 25 de novembro. Así, a Concellaría de Benestar Social ten programadas varias accións ao abeiro da campaña Ames en Negro, co obxectivo de concienciar sobre esta realidade, e convidar a toda a veciñanza amesá a que se una para mostrar a súa repulsa á violencia machista.

Ames en Negro é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá, a través da que se realizarán numerosas actividades de concienciación, ao tempo que se levarán a cabo accións para mostrar o rexeitamento unánime do Concello contra calquera tipo de violencia aplicada ás mulleres. No Concello de Ames participan este ano os establecementos que xa participaron en edicións anteriores, máis todo aquel que se queira sumar ás actividades que hai programadas.

Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal, a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero, a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

As actividades da campaña Ames en Negro comezan hoxe, luns 18 de novembro, vestindo de loito todo o concello amesá. A partir de hoxe os establecementos que participan na campaña poden pasar a recoller o material polas oficinas de Servizos Sociais do Concello, tanto do Milladoiro como de Bertamiráns, ou pola Casa do Concello. Este ano o material constará de camisetas con frases reivindicativas e bolsas de tea, xunto con manteis para os bares. Así, os escaparates, os bares, as instalacións deportivas, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía, encontraranse de loito en sinal da dor que sofren todas as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Posteriormente o día 25, ás 18.00 horas procederase a ler o manifesto do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres e haberá reparto de material entre os asistentes: pins, marca páxinas de madeira, bolsas de tea, libretas e camisolas.

Outras actividades relacionadas coa igualdade
Ademais desta iniciativa, desenvólvense outras iniciativas a prol da igualdade. Unha delas, son as IX Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, que se desenvolverán este xoves 21 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro. A inscrición é de balde e segue aberta nesta páxina web.

Estas xornadas estarán centradas na coeducación e o feminismo como movemento para abordar os desequilibrios de poder, con máis de 15 intervencións que se desenvolverán durante a mañá e a tarde dese día. Para obter máis información sobre estas xornadas podes premer nesta ligazón.

Asemade, nos centros de ensino de Ames tamén se realizarán actividades, como os Obradoiros de Bo Trato para o alumnado de primeiro da ESO dos centros IES do Milladoio e IES de Bertamiráns.

Finalmente compre engadir que existe unha campaña que está vixente todo o ano: Súmate a Igualdade. Coa que se trata de concienciar a toda a poboación da lacra social que constitúe a violencia de xénero e de que está na nosa man acabar con ela, co compromiso de toda a poboación.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames volve a vestir o negro para amosar a súa repulsa contra o machismo"

Cartel Ames en Negro