Pestanas principais

Ames tinxirase de verde no Día Mundial contra a meninxite

Venres, 23 de abril de 2021

O 24 de abril celébrase o Día Mundial contra a Meninxite, unha data coa que os/as profesionais da pediatría e as asociacións implicadas na loita contra a enfermidade queren poñer de manifesto os perigos que provoca a enfermidade se non se detecta a tempo e a necesidade de ampliar as campañas de vacinación, o mellor remedio para paliar a doenza. A Concellaría de Benestar e Promoción da Saúde colabora coa Asociación Española contra a meninxite, AEM, tinxindo de verde a Casa do Concello o día 24 de abril.

A Concellaría de Benestar e Promoción da Saúde colabora decotío, como amosou na recentemente desenvolvida I Feira da Saúde e o Ben-Estar, con diversas asociacións que traballan a prol da saúde. Neste caso é a AEM (Asociación Española contra la Meningitis), quen solicita ao Concello de Ames colaboración para poñer o foco de atención na meninxite tinxindo de verde o concello o vindeiro 24 de abril.

Para a concelleira de Benestar e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, “as administracións locais debemos traballar da man das asociacións dando visibilidade e sensibilizando sobre as diferentes enfermidades, como é neste caso a meninxite, tendo presente que está aí e lembrando que temos que seguir loitando para derrotala”.

O obxectivo do Día Mundial da Meninxite é facer patente a importancia do diagnóstico precoz, da investigación e das campañas de vacinación que supoñen o mellor remedio para evitar os contaxios. Preténdese durante 24 horas xerar conciencia e coñecemento sobre a doenza, sobre os seus síntomas, os xeitos de prevención e os modos de mitigar as complicacións que poden afectar tanto a nenos/as como a adolescentes e adultos.

Prema nesta ligazón para ver o vídeo realizado pola Asociación Española contra a Meninxite.

Día Mundial contra a meninxite

Multimedia

  • Embedded thumbnail for