Pestanas principais

Ames traballa na definición dunhas liñas estratéxicas para fomentar o turismo municipal

Martes, 11 de outubro de 2016

[11-10-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, acaba de abrir un proceso de participación para recoller diversas propostas de cara a elaborar e definir unhas liñas estratéxicas para fomentar o turismo como un dos motores do desenvolvemento local de Ames. O obxectivo é desenvolver durante os tres vindeiros anos unha serie de accións que poñan en valor os principais recursos turísticos do municipio. Para elo cóntase cunha axuda da Deputación provincial da Coruña. Este proxecto basease en tres puntos claves: implicación empresarial e social, poñer en valor os recursos turísticos, e definir unhas liñas de traballo conxuntas para a súa mellora e aproveitamento.

O goberno municipal quere darlle un pulo ao turismo durante os vindeiros tres anos. Coa vista posta no 2019 acaba de comezar a elaboración dunhas liñas de actuación para fomentar o desenvolvemento do turismo local. O Concello de Ames conta cunha axuda da Deputación provincial da Coruña para levar a cabo este traballo.

Xa tivo lugar a primeira reunión de traballo na que participou persoal técnico de varios departamentos municipais na que se resaltaron os principais reclamos turísticos e se puxeron de manifesto os inconvenientes cos que conta Ames nesta materia. Tamén se expuxeron ideas sobre diferentes eventos que se poderían levar a cabo co fin de potenciar o turismo.

Na vindeira xuntanza participarán representantes do sector privado (empresarios e hostaleiros) e colectivos sociais, co obxectivo de coñecer o seu punto de vista sobre a situación do turismo en Ames e o que se pode facer de cara ao futuro.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “o fin último é elaborar un documento que recolla as liñas de actuación que se poden poñer en marcha a partir dun proceso de reflexión e análise conxunto entre a administración local e o axentes sociais e empresariais interesados”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames diseñará su política turística con participación vecinal"