Pestanas principais

Ames vístese coa bandeira do arco da vella para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+

Luns, 27 de xuño de 2022

Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ este martes 28 de xuño, as principais prazas do concello de Ames comezan a lucir dende este luns a bandeira do arco da vella. Esta homenaxe multicolor irá acompañada mañá dun reparto de bandeirolas e pulseiras conmemorativas, co fin de que as rúas amesás mostren o seu pulo pola igualdade e contra a discriminación. Ademais, anímase á veciñanza a fotografarse coas diferentes bandeiras reivindicativas e a compartir os retratos nas redes sociais co cancelo #AmesEnIgualdade.

Dende esta mañá, as prazas de Ames volven lucir un ano máis as cores da bandeira do arco da vella, como mostra do compromiso do Concello a prol da igualdade e da visibilización do colectivo LGBTIQ+. Deste xeito, búscase xerar sensibilidade polas realidades destas persoas, e mostrar que Ames é un espazo de tolerancia cero ante a discriminación e as agresións LGBTIfobas.

Co gallo da conmemoración do Día do Orgullo, as árbores dalgunhas das prazas e lugares máis frecuentados do concello terán colgadas durante estas xornadas a bandeira do arco da vella. Neste senso, os lugares escollidos foron as prazas de Chavián, do Concello e da Maía, en Bertamiráns, e o Paseo da Igualdade e a rúa Anxeriz, no Milladoiro. Dende o Concello de Ames e a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, anímase a toda a veciñanza a que se fotografe nestas localizacións ou en calquera outro lugar, compartindo os retratos mostrando as cores do Orgullo nas redes sociais, co cancelo #AmesEnIgualdade.

Ademais, nas mesmas ubicacións nas que se están colocando as bandeiras, ao longo do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, mañá 28 de xuño, repartiranse bandeirolas e pulseiras conmemorativas entre a veciñanza, co fin de que mostren o seu apoio á igualdade e á diversidade afectiva-sexual e de identidades de xénero.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luisa Feijóo, animou á veciñanza a participar nesta xornada conmemorativa e a facer visible a bandeira LGBTIQ+. ”Este ano decidimos dar visibilidade ao Día do Orgullo deste xeito, vestindo Ames coas cores do arco da vella. As bandeiras estarán colocadas nas principais prazas e rúas tanto de Bertamiráns coma do Milladoiro, e intentaremos tamén achegarnos ás parroquias. A partir de mañá pola mañá deixaremos bandeirolas e pulseiras por diversas zonas, para que a xente que as atope ou que queira recollelas o faga, e se fotografen e o compartan en redes sociais co cancelo #AmesEnIgualdade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "As prazas amesás vístense de orgullo LGBTIQ+"

AMSGO!: "Ames viste as cores do orgullo"

Bandeiras do arco da vella na praza da Maía, en Bertamiráns

Multimedia

  • Bandeiras do arco da vella na praza da Maía, en Bertamiráns
  • Bandeiras do arco da vella na praza de Chavián, en Bertamiráns