Pestanas principais

Ames volve a render e aprobar, por segundo ano consecutivo, a Conta Xeral dentro do exercicio seguinte

Venres, 28 de decembro de 2012

[28-12-2012] O Pleno ordinario de decembro aprobou cos votos a favor do grupo popular e a abstención do resto dos grupos a Conta Xeral do 2011. Con esta aprobación, o Goberno amiense cumpre co seu compromiso de render a conta xeral do 2011 dentro do exercicio 2012, tal e como levou a cabo o pasado ano por primeira vez desde 2002. A intención do Executivo amiense era poder render antes a Conta Xeral, aínda que a posta en marcha de procesos económicos extraordinarios, como a elaboración do Plan de Axuste 2012-2022, do plan de pago a provedores e a aprobación dos Orzamentos municipais, dilataron o proceso. Con todo, o envío faise dentro do exercicio 2012, algo que xa foi comunicado ao Tribunal de Contas.

Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, amosou a súa preocupación polo remanente negativo de máis de dous millóns cen mil euros e avanzou a súa intención de reconducir a situación. O rexedor incidiu en que os principais motivos deste remanente deben buscarse no gran volume de obrigas pendentes de exercicios anteriores, que foron abonadas no ano 2011, así como no mal comportamento dos ingresos respecto dos gastos (como reflexa o déficit orzamentario rexistrado no ano). Santiago Amor destacou que o orzamento empregado no 2011 foi unha prórroga do aprobado para o 2010, que se ben estaba aparentemente equilibrado, contaba en realidade cun notable desequilibrio dos gastos respecto dos ingresos. Desta situación, xa se ten advertido no seu momento ao figurar ingresos dificilmente executables, como ingresos derivados do ICIO (2,4 millóns) ou da venda de patrimonio (818.147,19).

Sobre esta cuestión, o alcalde acusou ao grupo socialista de querer lanzar unha cortina de fume sobre os prazos para tapar a evidencia dunha mala xestión que se vén lastrando nos últimos anos e que costa contrarrestar. Ante as críticas dos grupos da oposición polos prazos na convocatoria da comisión, o rexedor incidiu que, ao igual que o ano pasado, convocouse a comisión cun prazo de oito días hábiles co obxectivo de aprobar a conta no ano e que, en todo caso, dispúxose dun prazo de 23 días hábiles de exposición pública para presentar calquera tipo de reclamación. Con todo, incidiu en que a información sobre a conta estivo a disposición dos grupos en canto estivo rematada e que en ningún momento se agocharon informes nin se negou información.

Na súa intervención, o alcalde fixo fincapé en que as contas son claras e que “cun Concello en bancarrota, tal e como estaba cando chegamos ao Goberno, é moi difícil levar a cabo proxectos”. Ante as acusacións dos grupos da oposición do incremento de recadación por taxas e prezos públicos, o rexedor negou este extremo e asegurou que as subas que se reflicten en 2011 se aprobaron no 2010.

Dotación escolar no Milladoiro
Na sesión plenaria celebrada onte tamén se deu luz verde, co voto a favor de todos os grupos, ao plan especial de infraestruturas e dotacións formulado polo Concello de Ames para o establecemento e ordenación dun equipamento público destinado a uso escolar no Milladoiro. O plan establece e ordena os espazos libres e aparcadoiros vinculados a este equipamento, así como a determinación do trazado e características das correspondentes redes de servizos.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia emitiu en outubro un informe favorable previo á aprobación definitiva deste plan especial. Este plan, promovido polo Concello de Ames, ten como base a solicitude da Consellería de Educación dun terreo para a construción dun novo centro de educación infantil e primaria que permitirá atender as necesidades derivadas do aumento da poboación escolar nesta localidade.

Durante o pleno, o concelleiro de Urbanismo, Ramón Argibay, subliñou se trata dun paso imprescindible para comezar a dar os seguintes pasos que permitirán poñer a disposición da Xunta de Galicia dun ámbito de 20.690 metros cadrados para a ubicación do futuro centro educativo. Tanto o grupo socialista como o dos non adscritos consideraron positivo este paso, que o propio Ramón Argibay calificou como moi importante.

Refuxio de Bando
Na orde do día tamén estaba incluída a adopción de acordo de saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. Finalmente, e por acordo de todos os grupos, decidiuse deixar este tema sobre a mesa co obxectivo de aclarar algún aspecto. Na sesión plenaria, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou que a pertenza a Bando está supoñéndolle ao Concello un importante sobrecusto sobre o previsto inicialmente e que a contratación dunha empresa privada permitiría un aforro de máis de 36.000 euros. Ademais, este cambio de modelo incluiría o servizo de lacería que ata o de agora se realizaba a través de traballadores do Concello e que non se podía facer polas tardes ou o fin de semana, co conseguinte problema para a seguridade viaria. Deste xeito, favoreceríase a eficacia na recollida e traslado dos animais nun tempo máximo de media hora.

A concelleira destacou, ademais, que se mantiveron conversacións co Concello de Santiago e que non se trataría dunha saída sen retorno. Eugenia Martín tamén explicou que a empresa á que se lle contrataría o servizo conta con todos os certificados de calidade, leva a cabo campañas de adopción e traballa con numerosos concellos da provincia da Coruña. Con todo, e ante a petición de máis información por parte do resto dos grupos, que consideraron positivo o cambio de modelo, decidiuse deixar o tema enriba da mesa.

Mocións sobre desafiuzamentos e taxas
Na parte de control ao Goberno, os tres grupos alcanzaron un acordo para consensuar unha moción sobre os desafiuzamentos. Nesta moción inclúense medidas a levar a cabo a nivel municipal como estudar a eliminación do imposto municipal de plusvalía para as persoas afectadas que sufran a perda da súa vivenda en poxa e para aquelas que logren a dación en pago, ampliar os protocolos de actuación de Servizos Sociais ou colaboración dos servizos xurídicos do Concello en todos os casos que o requiran.

Ademais, tamén se inclúe que o Concello establecerá contactos con Cáritas Milladoiro, Bertamiráns e coa Plataforma de Afectados pola Hipoteca, así como cos técnicos dos servizos sociais para axudar ás persoas afectadas e para asesorar a actuación municipal. Por último, establécese que se constituirá no prazo de dous meses unha comisión entre as forzas con representación para programar a actuación do Concello neste eido. Tanto o grupo socialista como o grupo dos non adscritos consideraron positivo que se chegase a un acordo e que se avanzasen posturas.

Ademais, votouse unha moción do grupo socialista instando ao Goberno central a excluír ás persoas físicas como suxeitos obrigados das taxas xudiciais. Esta moción saíu adiante cos votos a favor do PSOE e do grupo dos non adscritos e a abstención dos concelleiros do grupo popular.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cerró el año 2011 con 200 euros de deuda por habitante"
La Voz de Galicia: "Ames proyecta un plan de vivienda social para los afectados por desahucios"
El Correo Gallego: "Ames volve a render e aprobar a Conta Xeral dentro do exercicio seguinte"