Pestanas principais

Ames xa dispón do local para o novo centro coworking "A Proa"

Martes, 26 de maio de 2020

O pasado venres, 22 de maio, o alcalde, Jose Miñones, asinou a acta notarial para a adquisición do inmoble, que está situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial do Milladoiro, onde se vai a poñer en marcha o novo centro coworking "A Proa". Trátase dun espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico. Agora deberá aprobarse a inclusión deste inmoble no inventario municipal, así como elaborar o regulamento e ordenanza para a súa posta en funcionamento. O Concello de Ames asinou coa Deputación da Coruña un convenio, a través do cal a administración provincial financiará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

Este luns, 25 de maio, o alcalde de Ames, Jose Miñones, acompañado do Axente de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja, e de representantes da entidade Santiago Sur Galicia (SSG), adxudicataria da venta do local, visitaron as instalacións do que será o novo centro coworking "A Proa" do Concello de Ames. Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer en práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade en xeral.

Neste novo espazo, o Concello de Ames porá a disposición de emprendedores/as e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para empresas e autónomos nos seus primeiros pasos. O Concello busca acompañar aos emprendedores coa prestación de determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento, pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e comarca.

Tres áreas diferenciadas de traballo
O novo centro de coworking busca ser un espazo de traballo destinado a fomentar o traballo colaborativo coa implantación de profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores, para o desenvolvemento dos seus proxectos. Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións, deberán darse de alta no novo servizo e poderán realizar o seu traballo en tres áreas diferenciadas. Unha incubadora con espazos libres e traballo individual nunha zona colectiva e con acceso a internet e outros servizos; outro espazo máis privado con reserva de posto e durante un período determinado no que se poderá realizar o traballo de xeito continuo, e un último espazo de despacho con mesa proia e armario incluído para os proxectos mais avanzados. O novo espazo exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o illamento con todo o que supón, e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames.

Distribución do local
O local que vén de adquirir o Concello de Ames foi adquirido á promotora Santiago Sur Galicia (SSG) despois dun proceso de licitación pública. Está situado na entrada ao parque empresarial Novo Milladoiro, na rúa das Hedras e xunto aos lofts onde se sitúan numerosas empresas ou microempresas do Concello. O local ocupa a planta baixa do edificio de entrada ao parque empresarial, con forma de barco, e que chama a atención polo seu deseño, así como polo alto nivel de implantación na zona de empresas do sector tecnolóxico. O feito de atoparse xusto na entrada do parque empresarial servirá como referente e punto de información para todos aqueles emprendedores ou empresas que decidan iniciar o seu negocio en Ames.

O espazo de coworking ocupa 400 metros cadrados conta con servizo de internet, reprografía, e un servizo de mentorización personalizado e asesoramento. Dispón dunha sala de reunións multimedia e para impartir formación; unha zona de recepción; unha zona de espera; un espazo común con 45 postos de traballo; e ademais dispón de taquillas, escritorios para traballo individual e colectivo, tres despachos independentes e unha zona de descanso para lunch ou café.

Pasos a seguir
Desde o goberno municipal adiantouse hoxe que xa se está a traballar nos seguintes pasos a dar para a posta en funcionamento do centro coworking, que comezarán coa licitación do mobiliario. Paralelamente dotarase ao espazo das conexións pertinentes e darase de alta nos servizos de reprografía, internet, alumeado, limpeza e seguridade. Neste sentido avanzouse que "A Proa" contará coa última tecnoloxía e un acceso mediante código QR, ademais dunha sala dotada de medios tecnolóxicos para formación ou como sala de reunións.

O departamento de Promoción Económica estivo traballando nun regulamento para a xestión do espazo e que ao longo deste mes se ultimará, xunto coa ordenanza que regule o servizo e para a que se terá en conta á Asociación do parque empresarial Novo Milladoiro. O obxectivo do Concello é poder inaugurar este espazo o antes posible, mais se cabe na actualidade e coa nova realidade post-Covid. Así, desde o Concello agárdase poder dar o servizo este mesmo ano e de xeito gratuíto de forma que serva como ponte cara o 2021, e dentro das medidas de reactivación económica que se están ideando desde o Concello.

A capacidade máxima do centro por agora será de cincuenta postos de diversa índole, que debido ao seu uso rotatorio nos postos da incubadora permitirá que sexan moitos máis os/as emprendedores/as que poidan facer uso do espazo.

A Proa: incubadora de novas empresas e proxectos
O alcalde, Jose Miñones, destaca que “o coworking A Proa é unha aposta de presente e futuro para Ames que como incubadora de novas empresas e proxectos esperamos que teña o impulso que desexamos. A situación deste inmoble punteiro é inmellorable, nun entorno idílico empresarial, que destaca polo carácter tecnolóxico e audiovisual, permitindo que A Proa sexa o lugar de inicio de novos proxectos que terán a súa continuidade nos diferentes espazos do parque empresarial do Milladoiro. Este espazo é o símbolo da innovación do noso concello”.

Miñones engade que “este proxecto naceu hai case 5 anos cando acadamos un acordo coa Deputación da Coruña para cofinanciar o proxecto. Numerosos problemas atrasaron moito máis do que pensábamos o proxecto, pero conseguimos que a veciñanza de Ames dispoña dun novo espazo situado no Milladoiro. Conseguido este importante paso, toca agora traballar na súa posta en marcha sen renunciar a ningún obxectivo e de aí que esteamos traballando xa para que a propia Universidade este presente neste proxecto”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames mercou o inmoble para o coworking A Proa"

La Voz de Galicia: "Ames cierra la compra de A Proa, en Novo Milladoiro, para espacio emprendedor"

Imaxe da visita feita ao novo centro coworking A Proa

Multimedia

  • Imaxe da visita feita ao novo centro coworking A Proa
  • Imaxe da visita feita ao novo centro coworking A Proa
  • Instalacións do novo centro coworking A Proa
  • Instalacións do novo centro coworking A Proa
  • Instalacións do novo centro coworking A Proa
  • Instalacións do novo centro coworking A Proa
  • Instalacións do novo centro coworking A Proa