Pestanas principais

Ana Balsa Bello é a gañadora do sorteo de agasallos da campaña “Ilumina o teu sorriso”

Luns, 18 de xaneiro de 2021

Este luns, 18 de xaneiro, realizouse o sorteo da campaña “Ilumina o teu sorriso”, cuxo obxectivo é apoiar e fomentar as compras no comercio local. A gañadora, Ana Balsa Bello, veciña de Bertamiráns, resultou ser a premiada cun teléfono móbil de última xeración e un circuíto de Spa doados por Centro Dental Macía. No sorteo estiveron presentes representantes das tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio, do Concello de Ames, e do Centro Dental Macía.

Esta campaña está organizada polas tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio (Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar; Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro; e Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames). Ademais, colaboran o Concello de Ames, o Centro Dental Macía e o estudo de fotografía Pixelin Photo.

Para participar no concurso fotográfico debíanse facer dúas fotos nas que aparecera a iluminación de Nadal de dous destes catro lugares do concello: o photocall da praza do Concello, o motivo luminoso co número 2021 da praza da Maía; a árbore luminosa que está na praza de Manuel Murguía e a bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro.

A través desta campaña, que se puxo en marcha por segundo ano consecutivo, trátase de fomentar e dinamizar o comercio local, sobre todo este ano debido á crise económica provocada pola Covid.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle “ás asociacións de comerciantes e empresarios a súa implicación nesta campaña por segundo ano consecutivo”. Tamén deulle as grazas “ao Centro Dental Macía pola doazón dos agasallos que se sortearon e ao estudo de fotografía Pixelin Photo por encargarse de organizar a exposición”. Ana Belén Paz tamén incidiu en que “estas iniciativas son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local de Ames”.

Sorteo dos agasallos
Este luns, 18 de xaneiro, celebrouse o sorteo dos agasallos incluídos en dita campaña. No acto de sorteo estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández; o presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Javier Santos; o presidente da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López; unha persoa do departamento de administración do Centro Dental Macía, Eugenia Piedrafita; e mailo técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago.

A persoa premiada foi Ana Balsa Bello, veciña de Bertamiráns. Tralo sorteo, xa se puxeron en contacto coa gañadora e, proximamente, recibirá os seus premios que foron un teléfono móbil de última xeración e un circuíto de Spa doados por Centro Dental Macía.

Coas fotos máis orixinais que se presentaron ao concurso farase unha mostra nun local municipal. Da elección das fotografía e montaxe da exposición encargarase o estudo de fotografía Pixelin Photo.

Sorteo campaña Ilumina o teu sorriso.

Multimedia

  • Sorteo campaña Ilumina o teu sorriso.
  • Embedded thumbnail for