Pestanas principais

Ana Valín presenta a súa última obra “La muerte de Alicia” dentro do programa Encontros Literarios

Martes, 20 de febreiro de 2024

A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 22 de febreiro, coa presentación do poemario “La muerte de Alicia”, de Ana Valín. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 19:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellería de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Econtros Literarios. A finalidade destas presentacións é dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza amesá. Este programa  contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.

Este cuarto encontro da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista á escritora lucense Ana Valín, que presentará a súa última obra “La muerte de Alicia”, editada por Talón de Aquiles. O acto, que terá lugar este xoves 22 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 19:30 horas, estará presentado polo alcalde Ames, Blas García. A entrada será libre ata completar aforo.   

Ana Valín
Nada en Lugo, é licenciada en Ciencias da Comunicación e diplomada en Ciencias da Educación. Actualmente exerce como mestra de infantil, compaxinando esta labor coa de escritora de poesía e narrativa.

En 2018 publicou a súa primeira novela, “El vals de las hormigas”, que se adentra no ámbito da filosofía literaria cunha mensaxe clara: a vida está chea de pequenas dificultades, e para seguir o noso camiño teremos que superar presións sociais, tendo que elixir entre o que é correcto e o que se espera de nós.

Sinopse de “La muerte de Alicia”
Esta obra pretende ser unha homenaxe á obra de Lewis Carroll “Alicia en el País de las Maravillas”, como un recoñecemento de que medrar e deixar pasar o tempo sempre é necesario se somos capaces de vivir en plenitude con nós mesmos.

Neste poemario hai versos que renden tributo a cuestións tan humanas como o amor, o desamor, o paso do tempo ou a maternidade, vinculándose todos eles coa propia biografía da autora. Xunto a estes, tamén hai poemas que fan referencia á importancia da escritura na vida de Ana Valín.

Sesións da nova tempada
Os encontros continuarán durante o vindeiro mes de marzo, coa presentación de "A conto do político" de Alfredo Conde o día 7, e de "El libro que tu perro no quiere que leas" de Patricia Guerrero o xoves 21.

Ana Valín presenta a súa última obra “La muerte de Alicia”

Multimedia

  • Ana Valín presenta a súa última obra “La muerte de Alicia”