- Tematica
Esta mañá foi presentado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o programa SaúdeAndo 2022, unha iniciativa da Concellaría de Promoción da Saúde en colaboración cos centros de saúde do Milladoiro e de Bertamiráns. Como é habitual, será dende estes propios centros de saúde onde comecen as andainas circulares, que se organizan cada xoves de semanas alternas, con rutas de dificultade media-baixa e de entre unha hora e hora e media de duración ao longo de todo o ano. Ademais, foron presentadas as andainas saudables das fins de semana da primeira metade de 2022, que se estrean o próximo 22 de xaneiro cunha ruta de 8,6 quilómetros do Monte de Deus ao Monte de Vidán.
O programa SaúdeAndo inclúe un total de 38 andainas ao longo de todo o ano, exceptuando os meses de xullo e agosto, con 20 saídas dende o centro de saúde do Milladoiro e outras 18 dende o de Bertamiráns. Ao acto de presentación desta iniciativa acudiron Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, e Rosana Martínez, técnica do departamento de Promoción da Saúde. Ambas destacaron a fortaleza dos grupos que participan semanalmente nestas rutas, “entre 13 e 18 persoas, non sempre as mesmas” segundo Rosana Martínez, que empregan o SaúdeAndo “como un punto de encontro”, sinalou a concelleira Luisa Feijóo.
As primeiras saídas deste ano adiántanse dous meses a xaneiro, ante a forte demanda das persoas participantes no programa. “Habitualmente comezabamos co programa en marzo, pero este ano xa decidimos non parar a inicios de ano porque os grupos están moi consolidados”, destacou a técnica Rosana Martínez. En total, durante 2021 realizáronse 23 sesións semanais do SaúdeAndo, que comezaron en maio e chegaron ata finais de ano.
Neste 2022 as andainas comezarán o 13 de xaneiro no Milladoiro e o día 20 en Bertamiráns, no horario habitual, ás 17:30 horas. As sesións duran aproximadamente entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas van sempre acompañadas da presenza dun monitor de marcha nórdica, pensado para as persoas que desexen practicar esta modalidade, sempre de maneira voluntaria.
As andainas do SaúdeAndo convertéronse, dende o comezo do programa no 2018, “nunha actividade máis da rutina semanal” de moitas persoas, segundo Rosana Martínez, que foi notando un progreso na consolidación dos grupos “parello ao aumento na periodicidade das saídas”. Neste mesmo senso pronunciouse a concelleira Feijóo, que nota que as persoas participantes “esperan ao día da andaina xa non só para facer actividade física, senón para ver ás súas amizades no grupo, falar un pouco e ter ese rato para si mesmas. Despois de estar tanto tempo metidos na casa, ao final esta é unha actividade ao aire libre e segura, que moitas persoas necesitan para despexarse”.
Dez andainas saudables nas fins de semana da primeira metade de 2022
Ademais do SaúdeAndo, presentáronse as dez andainas saudables que ocuparán varias fins de semana do primeiro semestre do ano. Estas saídas, de maior distancia e esixencia deportiva, comezaron en 2021 no mes de setembro por mor das restricións sanitarias, e repartíronse mensualmente, con catro rutas ata decembro.
A primeira proposta terá lugar o sábado 22 de xaneiro, coa terceira e cuarta etapa do Xiro dos Montes, uns 8,6 quilómetros dende o Monte Deus ata o de Vidán, pasando polo Monte Pedroso. Como é habitual, haberá autobuses para desprazarse ao inicio da ruta dende Bertamiráns, na Praza do Concello ás 10:00 horas, e no Milladoiro, ás 10:15 horas na Casa da Cultura.
Das saídas das fins de semana a técnica Rosana Martínez destaca “a dinámica familiar” que se xera nos grupos, “con xente habitualmente máis moza que nas semanais, aínda que temos maiores que non fallan nunca e enriquecen moitísimo as actividades”, gabou Martínez. “Ás veces acoden familias enteiras, con nais, pais, fillos e mesmo netos e netas”, sinalou a concelleira, Luísa Feijóo, que animou á veciñanza a sumarse a estas excursións saudables.
Datas do SaúdeAndo 2022
Xa se coñecen todas as datas das andainas do SaúdeAndo deste ano, que comezan os xoves ás 17:30 horas nos centros de saúde de Bertamiráns e no Milladoiro.
No Milladoiro haberá 20 andainas, nos días 13 e 27 de xaneiro, 10 e 24 de febreiro, 10 e 24 de marzo, 7 e 21 de abril, 5 e 19 de maio, 2 e 16 de xuño, 8 e 22 de setembro, 6 e 20 de outubro, 3 e 17 de novembro e 1 e 15 de decembro.
Pola súa banda, Bertamiráns contará con 18 saídas, os días 20 de xaneiro, 3 e 17 de febreiro, 3, 17 e 31 de marzo, 28 de abril, 12 de maio, 9 e 23 de xuño, 1, 15 e 29 de setembro, 13 e 27 de outubro, 10 e 24 de novembro e 22 de decembro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Vuelve el programa de caminatas de Ames SaúdeAndo"
El Correo Gallego: "Treinta y ocho andainas por la salud de los vecinos"