Pestanas principais

A ANPA do CEIP Agro do Muíño continúa co ciclo de conferencias e debates "Proxecto educar sen estrés"

Xoves, 15 de marzo de 2012

[15-03-2012] A ANPA do CEIP Agro do Muíño promove o ciclo de conferencias do "Proxecto educar sen estrés" que xestiona a Asociación Bioturmalina. A través deste ciclo de conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe. A segunda conferencia deste programa realizarase o vindeiro xoves, 22 de marzo ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina. Nesta charla tratarase o tema "A motivación na educación". Ademais, falarase das ferramentas educativas e pedagóxicas que é necesario empregar para unha educación máis harmoniosa nas aulas e no fogar.

O pasado 26 de xaneiro de 2012 botou a andar o ciclo de conferencias e debates Proxecto educar sen estrés que organiza a ANPA do CEIP Agro do Muíño en colaboración coa Asociación Bioturmalina. O ciclo consta de tres conferencias. A primeira delas celebrouse o pasado xoves 26 de xaneiro baixo o lema Educar sen estrés. Nela tratáronse métodos de xestión da tensión, educación emocional e capacidades creativas na casa e nas aulas.

Durante este mes realizarase a segunda conferencia deste ciclo. Será o día 22 de marzo, as 19:30 horas, no Pazo da Peregrina. Nesta charla abordarase A motivación na educación, e falarase das ferramentas educativas e pedagóxicas que é necesario empregar para levar a cabo unha educación máis harmoniosa mas aulas e no fogar. A través deste ciclo de conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe.

A terceira e última conferencia celebrarase o día 24 de maio baixo o título Fomentar un novo modelo de aprendizaxe para completar as necesidades educativas, sociais e culturais do alumnado e coa finalidade de mellorar a integración social, estimular as habilidades motrices e integrar os potenciais culturais.

A vicepresidenta da ANPA do Agro do Muíño, Maribel Pérez, explicou que un dos puntos máis interesantes das conferencias é o feito de que durante a última media hora faranse mesas redondas e debates cos asistentes. As dúas conferencias que faltan por impartir realizaranse ás 19:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As conferencias están abertas a todo o público que desexe participar nelas. Tras as conferencias haberá mesas redondas para debater os temas formulados nas charlas cos asistentes. Estas mesas redondas comezarán arredor das 21:00 horas.

Terceira edición do ciclo de conferencias

É o terceiro ano que a ANPA do CEIP Agro do Muíño organiza ciclos de conferencias para tratar temas educativos. A asociación de Nais e Pais do Agro do Muíño considera "que este tipo de iniciativas son unha necesidade importante" e en función da acollida que teña estudarase continuar con actividades e talleres onde as familias compartan tempo e experiencias.

As persoas encargadas de impartir as conferencias son Dulcina Gómez Araújo e Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo. Dulcina Gómez Araújo é licenciada en Ciencias Empresariais e formouse como técnico superior en xestión da saúde integral, do benestar e como orientadora educativa. É membro do Consello Galego de Medio Ambiente e desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia e participou en numerosos simposios e conferencias a nivel nacional e internacional.

Fausto Dopico é licenciado en Ciencias, Doutor en Economía e Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos son membros de Bioturmalina, unha asociación que oferta actividades bioculturais e traballa principalmente nos ámbitos da sustentabilidade ambiental, educativo e de benestar social. A administración autonómica, as administracións locais, colexios, empresas privadas, centros socioculturais, asociacións etc. forman parte dos axentes cos que traballa Bioturmalina.

Dende a ANPA de Agro do Muíño animan a todo o mundo a que participe nestas conferencias xa que se tratan temas de interese non só para as familias, senón tamén para o público en xeral.