- Tematica
Unha cea e baile de confraternización xuntará a antigo alumnado e profesorado do colexio Bispo Guerra Campos, precursor do actual CEIP A Maía. Será este venres, 8 de xullo, no campo da festa da Ameixenda. O encontro, que conta coa colaboración do Concello de Ames, xuntará a preto de 200 persoas vinculadas a este centro educativo. Un dos asistentes será o ex alcalde, José Astray, quen foi tamén director do colexio. A xuntanza foi unha iniciativa do ex alumno Alfonso Illodo.
O Concello de Ames colabora neste evento a través da cesión do espazo onde se realizará e o acondicionamento do mesmo. O Concello toma en consideración a importancia histórica deste centro educativo en Ames. Polas súas aulas pasaron varias xeracións de veciñas e veciños desde que en 1972 abriu as súas portas na praza de Chavián, que foi a súa primeira ubicación durante dúas décadas e mudou de lugar no curso do ano 1992-1993.
“Trátase”, sinalan fontes municipais, “dun recoñecemento á comunidade educativa amesá e á traxectoria vital e profesional dos centos de persoas, veciñas e veciños do municipio, que se formaron neste centro durante catro décadas”.
O evento, que se prevé que conte con edicións en anos vindeiros, constará de cea e baile coa actuación do grupo Alborada. Na cea servirase polbo, churrasco e bebidas. Haberá carpa e cantina. Contarase cun espazo de estacionamento gratuíto. O prezo da cea será de 30 euros para adultos e 15 euros para nenas e nenos ata os 15 anos. Para nenas e nenos ata os 5 anos de idade a cea será de balde.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Emotivo viaje en el tiempo hasta la etapa escolar del Bispo Guerra Campos de Ames"
El Correo Gallego: "Reuniranse os antigos alumnos do colexio Bispo Guerra Campos"