Pestanas principais

Anunciase a licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro

Venres, 13 de outubro de 2017

[13-10-2017] Esta mañá varios membros do goberno municipal acompañaron ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, na visita que fixeron á parcela onde se vai a construír o novo centro de saúde do Milladoiro. Nestas obras a Xunta de Galicia investirá 2,7 millóns de euros. Durante a devandita visita presentouse o proxecto, que vén de ser aprobado, e anunciouse a licitación das obras, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, a través dunha resolución da Axencia Galega de Infraestruturas. Neste visita tamén participaron varios concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames.

Características do centro de saúde
Este novo centro da rede sanitaria pública galega, construirase nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 m2, sendo o prazo de execución da obra de 17 meses. O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.

Pola súa banda, a área pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 2.100 metros cadrados.

O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O esquema de funcionamento do edificio está estruturado en bloques, cada un deles cun uso concreto: un para pediatría e área da muller, tres para consultas de adultos e o último para fisioterapia. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños de Ames.

As xestións para poñer en marcha o novo centro de saúde do Milladoiro avanzan. Despois de que durante o pasado mes de setembro o goberno municipal pedise celeridade para tratar de axilizar a sinatura do expediente que dese inicio o proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro, esta mañá presentouse o devandito proxecto e anunciouse a licitación das obras de construción de dita infraestrutura. Fíxose na visita que realizou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aos terreos onde se vai a executar o novo ambulatorio.

Jesús Vázquez sinalou “no día de hoxe presentamos un proxecto moi importante que vai a multiplicar por cinco o espazo que temos agora mesmo no centro de saúde do Milladoiro. Contará con áreas moi importantes en superficie para pediatría e para a matrona. Ademais disporá de novos servizos como fisioterapia e odontoloxía. Teño que agradecer o traballo feito polos servizos da Xerencia de Santiago, ao Concello de Ames que fixo un esforzo para ceder unha parcela ampla, e á Axencia Galega de Infraestruturas que vai ser a que agora continúe co proceso de construción”.

O anuncio da licitación pódese consultar na seguinte ligazón: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171013/AnuncioG0181-290917-0001_gl.html Haberá un prazo de 26 días para a presentación de ofertas por parte das empresas que queiran participar e posteriormente os técnicos analizaran cales son as mellores ofertas. Agárdase que as obras poidan ser adxudicadas entre finais de ano e comezos de 2018, para, de seguido, comezar coas obras. O prazo máximo para executar o proxecto é de 17 meses, pero segundo manifestou o propio conselleiro de sanidade “dentro das ofertas puntuase acortar estes prazos, polo que agardo que en menos de ano e medio poidamos ter aberto, dotado de persoal, o novo centro de saúde”.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que hoxe actuou como segundo tenente de alcalde, indicou “hoxe dáse un paso importante de cara a mellora dos servizos públicos que se lle ofrecen á veciñanza de Ames. As xestións urbanísticas realizadas polo goberno municipal permitiron resolver un asunto que levaba máis de 10 pendente de arranxar. Deste xeito, puidemos entregarlle esta parcela ao Sergas, para que asignara unha partida económica, e redactara dito proxecto. Dende o goberno municipal faremos un seguimento do proceso de licitación e das obras de construción que teñen un prazo de 17 meses. Agardamos que estes traballos se realicen coas máximas garantías, pero que se rematen o antes posible”.

O conselleiro de sanidade engadiu “a Xunta de Galicia adáptase ás necesidades da poboación e o Concello de Ames é un dos municipios con maior crecemento de Galicia. Cando falamos do problema de natalidade hai que poñer de exemplo positivo o concello de Ames. Das 41 farmacias que se van a licitar proximamente en Galicia, tres delas van a estar en Ames. Por iso hai que de felicitar aos veciños de Ames, porque é un concello con moito presente pero sobre todo con moito futuro”.

Por outra banda, a concelleira e Sanidade do Concello de Ames, Luísa Feijóo, incidiu en que “é unha boa nova para Ames, pero sobre todo para os veciños e veciñas do núcleo do Milladoiro, que despois de longos anos de espera poderán dispor dun centro de saúde acorde as necesidades da poboación. Grazas a construción deste novo centro poderemos ter servizos para os que ata o de agora tiñamos que acudir a Santiago como son fisioterapia, odontoloxía e hixienista dental, mellorando tamén notablemente as condicións de traballo dos profesionais e que de seguro repercutirán na poboación podendo retomar iniciativas como a Escola de saúde que agora vimos realizando noutros espazos no tan adecuados”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Sanidade licitará las obras del nuevo centro de salud de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Sanidade prevé 17 meses de obras para edificar el centro de salud de Milladoiro"