Pestanas principais

Apoio unánime dos Concellos para que o novo parque comarcal de bombeiros se constrúa no Cruceiro da Coruña, en Santiago de Compostela

Venres, 25 de outubro de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, asistiu esta mañá á xuntanza de alcaldes e alcaldesas dos Concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros. Dita xuntanza foi convocada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, para explicar os avances neste proxecto. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago de Compostela, Xan Duro, presentou na reunión o anteproxecto do edificio do novo parque, que se vai situar na avenida do Cruceiro da Coruña e non en Salgueiriños como estaba previsto. Todos os Concellos mostraron o seu apoio a esta localización "que garante unha mellor operatividade para os demais municipios implicados".

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “na xuntanza de hoxe trasladáronnos os pasos que se están a dar sobre este proxecto. Agora mesmo están revisando flecos do convenio que deben asinar a Xunta, a Deputación e o Concello de Santiago, e expúxose unha data no horizonte de comezos de 2025. Dende logo son boas novas, pero seguimos expectantes para ver se se materializan. Confío en que esta data se cumpra, e sabemos que o Concello de Santiago ten vontade de que así sexa, pero os Concellos da comarca tamén estamos desexando que sexa un feito o día no que se nos comece a prestar o servizo de emerxencias e de incendios".

Por outra banda, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, explicou que "todos os alcaldes e alcaldesas recibiron con satisfacción o anteproxecto do parque comarcal na nova localización, que garante mellores tempos de resposta diante de calquera emerxencia nos diferentes municipios". A rexedora compostelá sinalou que despois da reunión "hai unanimidade ao respecto de que a infraestrutura debe estar na avenida do Cruceiro da Coruña e non hai mellores alternativas".

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago de Compostela explicou que "o Concello de Santiago xa ten un anteproxecto e está preparando a documentación para a licitación da redacción do proxecto unha vez teñamos asinado o convenio para a comarcalización".

Tramitación do convenio
Na reunión desta mañá tamén se abordou a necesidade de tramitar de maneira conxunta o convenio para a comarcalización do servizo e o convenio para a creación da nova infraestrutura.

Goretti Sanmartín explicou "existe un acordo político claro entre Concello, Consorcio Provincial de Bombeiros e Xunta de Galicia, e agora é o persoal técnico das tres administracións o que está avaliando técnica e xuridicamente a proposta de convenio". Sanmartín apuntou que "a vontade das tres administracións e de todos os Concellos implicados, en particular tamén do de Santiago, é que o servizo empece a funcionar canto antes, e o compromiso de todos e todas é axilizar todos os trámites na medida do posible".

Na reunión que tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Brión, Pablo Lago; O Pino, Manuel Taboada; e Oroso, Alexander Doval. O Concello de Vedra estivo representado polo segundo tenente de alcalde, Enrique Vázquez. Non puido asistir a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Resposta unánime a situar no Cruceiro da Coruña o Parque Comarcal de Bombeiros"

Imaxe da xuntanza mantida esta mañá no Pazo de Raxoi

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza mantida esta mañá no Pazo de Raxoi