O Concello de Ames, a través de decreto da alcaldía, ven de aprobar a adxudicación das obras do proxecto de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas, ambos pertencentes á parroquia de Trasmonte. O proxecto, incluido no POS 2019, foi adxudicado á empresa Excavaciones Pose SL por un importe de 74.415 euros. A duración inicial do contrato será de 6 meses, a partir do día seguinte ó da sinatura da acta de comprobación do replanteo.
Coñecedor da necesidade de activación dos sectores da construción e servizos, o Concello de Ames acordou desde a primeira semana do estado de alarma, a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Así, na actualidade, o Concello está a tramitar preto de 40 expedientes de obras ou servizos en diferentes fases do proceso de licitación.
Ao longo deste último mes continuouse cos trámites daqueles servizos ou obras nos que os licitadores amosaron o seu consentimento á continuidade dos procedementos, co obxectivo de ir adiantando tales expedientes. O departamento de contratación traballa desde casa con teletraballo e coas ferramentas necesarias que se puxeron a disposición do persoal municipal nas dúas primeiras semanas e habilitouse o uso das mesas de contratación en remoto de xeito telemático a través da propia plataforma de contratación do Estado.
Unha das adxudicacións aprobadas neste período foi a do proxecto de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas, na parroquia de Trasmonte. En ambos casos, daráselle continuidade á rede de saneamento existente. Así, no lugar de Suevos ampliarase a rede de saneamento en 260 metros, cun total de 11 pozos de rexistro. No lugar de Sorribas, pola súa banda, está previsto ampliar en 755 metros a rede de saneamento cun total de 22 pozos de rexistro. Todos os colectores proxéctanse en PVC e instalarase cos seus pozos de rexistro correspondentes.
Para o Goberno municipal "é imprescindible, nestes momentos, poder seguir tramitando os procedementos de contratación de cara a que as empresas poidan continuar coa súa actividade. Desde o Concello queremos poder levar a cabo o noso compromiso co sector empresarial na reactivación da economía que será tan necesaria".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Adxudican obras de saneamento en Trasmonte e no camiño amesá de Castelo a Vilar"