- Tematica
A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 2 de xuño vén de aprobar o expediente de licitación das obras de mellora da pavimentación do viario da urbanización Aldea Nova. O proxecto, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, conta cun orzamento base de 243.882 euros. A actuación inclúe a renovación de todo o pavimento da urbanización, a instalación de nova sinalización e bandas redutoras de velocidade, así como a creación dunha senda peonil ás súas pistas de tenis.
O Concello de Ames vai continuar coas melloras da súa rede viaria, nesta ocasión co asfaltado de todas as rúas e vías de acceso á urbanización Aldea Nova, situada na parroquia de Ortoño, preto da vila de Bertamiráns. A licitación deste proxecto foi aprobada a comezos de mes na Xunta de Goberno Local, e conta cun orzamento base de 243.882,74 euros.
Deste xeito, toda a pavimentación das rúas de Aldea Nova contará cun asfalto renovado. Para isto, retiraranse as bandas transversais redutoras de velocidade instaladas na actualidade, para despois realizar un fresado de 4 centímetros e a executar unha nova capa de rodaxe, cunha mestura de aglomerado en quente.
Ademais, no acceso ás pistas de tenis da urbanización crearase unha senda peonil de 155 metros de lonxitude, que acompañará á mellora do asfaltado da vía. Neste senso, aproveitando o camiño xa existente, manterase un carril de 3 metros de ancho para vehículos, que contará co mesmo aglomerado que o resto do viario. Antes, arranxaranse as fochancas existentes aplicando 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico.
No que respecta á senda, estará situada na marxe dereita, terá 2 metros de ancho e estará composta dunha capa de 10 centímetros de saburra e 15 centímetros de formigón coloreado. Ademais, baixo a senda canalizarase unha tubaxe de PVC para realizar a drenaxe, unida a unha serie de sumidoiros. Finalmente, pecharanse as obras reinstalando as bandas redutoras de velocidade e engadindo a sinalización horizontal das vías.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, sinalou que "a urbanización de Aldea Nova é unha das máis antigas do concello e este asfaltado das súas rúas interiores é unha das primeiras obras de mantemento que vamos a realizar nesta zona, que se unen ao cambio do alumeado público a led que xa realizamos”.
A actuación forma parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, que inclúe outros proxectos como a senda peonil de Lapido a Maguxe, adxudicada por 201.060,18 euros; a rede de pluviais no lugar de Cantalarrana, cun importe de 55.780,33 euros, ou as obras de saneamento e abastecemento de Guimaráns e Buceleiras, adxudicadas por 68.164,47 euros. “Seguimos a poñer en marcha e a executar as obras relativas ao Plan de Investimentos Ames Progresa, que realizamos co remanente de tesourería municipal, e que vai a significar un importante avance para o noso concello", indicou o alcalde.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames licita la renovación del pavimento de toda la red viaria de Aldea Nova"