Pestanas principais

Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020 cun resultado orzamentario axustado de 1.638.000€ e un remanente de tesourería de 8.363.000€

Venres, 15 de outubro de 2021

Este xoves, 14 de outubro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2020 e deuse conta das resolucións contrarias aos reparos formulados pola intervención. O Concello de Ames pechou o exercicio 2020 cun resultado orzamentario axustado de 1.638.000€ e un remanente de tesourería de 8.363.000€, e recolle a maior cifra de execución de investimentos da historia do Concello de Ames, cunha cifra de execución de investimentos reais de 4.185.000€. A Conta Xeral 2020 fora ditaminada favorablemente o pasado 6 de setembro pola Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas e exposta publicamente por un prazo de 15 días hábiles. Trala aprobación plenaria renderase dita conta ante o Consello de Contas.

O Salón de Plenos do Concello de Ames volveu congregar, vinte meses despois, a todos/as os membros da Corporación municipal para celebrar presencialmente o pleno extraordinario e urxente de aprobación da Conta Xeral 2020. A sesión plenaria comezou, precisamente, coa intervención da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amosando a súa ledicia por estar todos xuntos de novo no Salón de Plenos e ir recuperando a presencialidade nos debates plenarios. A esta ledicia sumáronse os voceiros dos grupos da oposición na súa quenda de palabra. Antes de comezar o debate a concelleira de Economía e Facenda quixo agradecerlle ao persoal de intervención o traballo realizado para elaborar a conta xeral e máis nun ano tan complicado como este marcado pola crise da COVID-19, a concelleira fixo extensivo este agradecemento ao resto do persoal do Concello e aos compañeiros do Goberno. A este agradecemento sumáronse, do mesmo xeito, todos os membros da Corporación Municipal.

De seguido, a Concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos do 2020 emitidos pola intervención expoñendo as principais deficiencias na tramitación dos gastos e os procedementos e actuacións planificadas para solventar a situación.

A continuación procedeu a informar das principais magnitudes da Conta Xeral 2020, sinalando que o ano 2020 foi un ano excepcional marcado pola pandemia da Covid-19 en que o goberno estatal aprobou, no marco das directivas europeas, a flexibilización das regras fiscais suspendendo a regra da estabilidade orzamentaria e a regra de gasto para os anos 2020 e 2021.

No tocante as cifras de liquidación do exercicio 2020, neste ano acadáronse unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 25.322.000€ de obrigas recoñecidas, na que destaca a maior cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 4.185.000€ e unhas cifras de ingresos que acadaron os 24.132.000€.

Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería que ao peche do exercicio 2020 foi de 8.363.000 €, o que vai permitir financiar Plans de investimentos e axudas como o Plan Ames Progresa 2023 recentemente aprobado no Pleno de xullo por importe de 5.756.000€.

Liquidación do orzamento de gastos
Recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2020 de 25.322.000 €, cun incremento do gasto respecto do 2019 de 2.185.000 € (9,44%).

Neste apartado destaca o Capítulo II (Gastos correntes en bens e servizos) cun importe que acadou preto dos 11.000.000€. Tamén salientar a cifra no Capítulo I (Gastos de Persoal) que ascendeu a 9.159.000€ reforzando o emprego público, e mantivéronse as transferencias correntes (Capítulo IV) por importe de 941.000 €.

O máis salientable dentro do orzamento de gastos é o forte esforzo inversor realizado durante este ano 2020, cunha cifra de execución de investimentos reais ( Capítulo VI), de 4.185.000€, incrementando en 1.600.000€ respecto do ano 2019 ( 61,12% ).

Liquidación do orzamento de ingresos
Os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.123.000 €, diminuíndo preto en 400.000€   (-1,60%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano 2019.

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I) que acada a cifra de 7.938.000€, cun incremento de 460.000€ (6,26%) e as taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de 5.520.000€ cun forte descenso na recadación por taxas e prezos públicos de 1.104.000€ (-16,67%) motivado pola paralización temporal dalgunhas actividades e servizos.

Recadáronse por transferencias correntes (Capítulo IV) 9.331.000€, incrementando en 500.000€ respecto do ano 2019 (5,75%), e recadáronse por transferencias de capital (Capítulo VII) por 759.000€, cunha diminución na recadación de 379.000€ (-33,32%), diminución motivada porque moitos dos ingresos entraron a principios do ano 2021.

Estabilidade orzamentaria
A cifra de necesidade de financiamento ascendeu a 1.739.000 €, máis o resultado orzamentario axustado, indicador da capacidade e solvencia financeira, foi positivo e acadou unha cifra de 1.638.000 €.

Débeda do Concello de Ames
O nivel de débeda viva do Concello a finais do ano 2020 situouse nun 12,43%, moi por debaixo do límite legal establecido dun 110%.

Regra de gasto
O límite legal da regra de gasto no exercicio 2020 era de 20.338.000 euros e o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi superior, de 21.304.000€, superado en 966.000€.

Por parte da oposición, o primeiro en intervir foi o concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, que pediu prudencia “esta conta non cumpre nin co obxectivo de estabilidade orzamentaria nin coa regra de gasto, polo que, é necesario ser prudentes nos investimentos por si se retoma a regra de gasto non volver cometer erros do pasado e ter que subir impostos”. Oulego tamén incidiu “imos dar o voto favorable porque se trata dun documento técnico non porque compartamos nin as contas nin as políticas practicadas”.

De seguido, interviu o concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, que destacou “estas contas amosan un aumento no capítulo de investimentos reais pero recollen moitos outros conceptos como axudas ao comercio, apoio á economía, inversións en benestar e en futuro que tamén deberían formar parte dese capítulo 6”. Costas tamén engadiu “a regra de gasto é unha inxustiza do sistema político español e oxalá que non volva”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, defendeu “estas contas terían uns resultados estupendos se fosen os dunha empresa privada pero isto é un concello onde o Goberno en vez de investir sube os impostos”. E insistiu “o Goberno tivo unha oportunidade no pleno extraordinario de marzo para baixar os impostos a petición do Partido Popular pero apostaron polos resultados económicos e non polos veciños”.

Para rematar, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu “que o remanente de tesourería de 8.363.000 euros permitiu aprobar o Plan Ames Progresa por 5.756.681 euros, un plan que se aprobou coa unanimidade de todos os grupos da Corporación e se pode levar a cabo grazas á boa situación económica do Concello”. E  engadiu “nós non gardamos os cartos, investímolos”.

Finalmente, a Conta Xeral de 2020 foi aprobada por unanimidade por todos os membros da Corporación Municipal.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames destinó más de cuatro millones de euros a inversiones durante el 2020"

Revista Ames Go: "Ames aproba a Conta Xeral no seu primeiro pleno presencial dende o ano pasado"

Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020

Multimedia

  • Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020
  • Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020
  • Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020