Pestanas principais

Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175 mil euros

Venres, 18 de febreiro de 2022

A Xunta de Goberno Local do 10 de febreiro de 2022 aprobou o expediente de licitación dunhas novas obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns. A actuación, sufragada ao completo polo plan POS 2021 da Deputación da Coruña, conta cun orzamento base de 175.492,07 euros, que se empregará en renovar a cuberta, os aseos, os falsos teitos, o alumeado e a cafetería, así como na instalación de climatización e de novos estores.

As instalacións do centro sociocultural de Bertamiráns van recibir unha nova renovación, despois de que a comezos de ano se actuase nos seus interiores, en especial no seu primeiro andar. Nesta ocasión, o orzamento base ascende aos 175.492,07 euros, que se adicarán a mellorar tanto o interior coma o exterior do edificio.

Neste senso, substituiranse as cubertas do inmoble, demolendo ademais a cheminea en desuso. No lugar das actuais instalaranse unhas cubertas de “panel sándwich”, con remates de chapa de aceiro, e colocaranse novas canalizacións e baixantes de aluminio para favorecer a evacuación das augas pluviais.

Xa nos interiores, o primeiro andar contará cunhas novas unidades de climatización, substituirase o alumeado por un equivalente con tecnoloxía LED, e renovaranse os aseos, de tal xeito que sexan máis accesibles, cunha reforma similar á xa efectuada nos baños da planta baixa. Estes contarán con nova fontanería, pezas sanitarias, accesorios, acabados, alumeado, tabiques e portas.

Pola súa banda, a planta baixa verá renovados os seus falsos teitos e gozará de varios cambios na súa cafetería. Instalarase un biombo modular que a separe da zona do vestíbulo xeral, cunha porta abatible de acceso. Ademais, repararase a barra existente, substituíndo os seus elementos deteriorados. Neste andar, cambiaranse tamén as portas cortalumes do cuarto de máquinas, do elevador e da cociña, e colocaranse estores de tecido ignífugo.

As melloras, financiadas ao completo con fondos do plan POS 2021 da Deputación da Coruña, atópanse en fase de licitación, na que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 7 de marzo. Unha vez adxudicadas, o prazo estimado de execución destas obras é duns catro meses.

Estas obras dan continuidade ás iniciadas a comezos de ano en ambos centros socioculturais do concello, con investimentos dos dous últimos POS da Deputación “moi necesarios”, segundo a concelleira de Cultura, Natividade González. “Se sumamos a esta intervención a do POS 2020, que consiste nas obras que se acometen dende comezos de ano nas dúas Casas da Cultura do concello, estamos a falar de 300 mil euros en investimentos. Aínda así somos conscientes de que non son suficientes, pero falamos de actuacións de moita urxencia, como no caso das cubertas. Van ser meses de obras nas Casas da Cultura, cos inconvenientes que ás veces poden supoñer, pero o resultado final vai pagar a pena”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames ampliará la Casa da Cultura do Milladoiro y mejorará la de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Ofertas para mejorar el techo, aseos, luces y bar en la casa de la cultura"

Compostela 24 Horas: "Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175 mil euros"

Enfoques.gal: "La Diputación financia con 175.000 euros la reforma de la Casa de la Cultura de Bertamiráns"

AMSGO!: "Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175.000€"

Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175 mil euros

Multimedia

  • Melloras previstas na planta baixa e no primeiro andar
  • Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175 mil euros
  • Aprobadas novas melloras para a Casa da Cultura de Bertamiráns valoradas en 175 mil euros