Pestanas principais

Aprobado o proxecto para o novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro

Xoves, 22 de decembro de 2022

O Concello de Ames dá conta de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou provisionalmente o proxecto de mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20, no punto quilométrico 10,350. Trátase dunha actuación que se executará na rotonda de entrada á localidade do Milladoiro dende Santiago de Compostela. Crearase unha variante de acceso que conectará a saída da  AG-56 coa avenida do Muíño Vello sen ter que pasar pola rotonda de entrada ao Milladoiro. Con esta actuación preténdese aliviar o tráfico na glorieta e dispor dun acceso directo cara a zona norte do Milladoiro e cara o parque empresarial Novo Milladoiro. O proxecto publicouse hoxe no BOE co obxectivo de sometelo ao trámite de información pública. Dita actuación ten un orzamento estimado de 592.196 euros (IVA incluído).

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou provisionalmente o proxecto de mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20, no punto quilométrico 10,350. A través desta actuación vaise a construír unha variante pola que se accederá á avenida Muíño Vello e ao parque empresarial Novo Milladoiro. O proxecto publicouse hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) co obxectivo de sometelo ao trámite de información pública.

As principais actuacións contempladas no proxecto son a transformación do ramal de saída desde a AG-56, cara á estrada SC-20, nun carril de trenzado que se perde ao chegar á glorieta converténdose en carril segregado da mesma. A nova vía conectará coa avenida do Muíño Vello dando acceso á zona norte do Milladoiro e ao parque empresarial, sen ter que pasar polo rotonda existente na actualidade. Deste xeito, aliviarase o tráfico nesa contorna na que habitualmente se forman atascos de saída.

Cómpre lembrar que o alcalde de Ames, Blas García, mantivo unha xuntanza en setembro de 2021, co presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, para presentarlle o anteproxecto de dita actuación. En dita xuntanza tamén participaron o xefe de Demarcación de Estradas, Ángel González, e mailo xefe do servizo da área de Conservación de estradas, Francisco Prego.

O rexedor municipal incide na necesidade de “contar cun acceso de entrada e saída que permita ter un tráfico fluído na entrada do Milladoiro xa que é un núcleo que está a medrar tanto en poboación coma no número de empresas, sobre todo, na zona de Novo Milladoiro, o que incrementa o número de vehículos que acceden e saen pola rotonda en que se contempla dita intervención. Este proxecto é o paso previo a humanización prevista para a nacional N-550 ao seu paso polo Milladoiro”.  

Humanización da avenida de Rosalía de Castro
Este proxecto de intervención nos accesos é o paso previo ao proxecto de humanización da N-550 que foi presentado no pasado mes de setembro deste ano. A obra de humanización da avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro, foi incluída nos investimentos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

A actuación prevista na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, converterá a actual travesía, pola que circulan 24.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Esta obra completará o desvío vixente de tráfico pesado con MMA>30T a través da autovía autonómica AG-56 e o ramal de “As Galanas”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Lanzan el proyecto que desvía el tráfico hacia el polígono y el norte de O Milladoiro, en Ames"

El Correo Gallego: "Proxecto para a variante de entrada ao Milladoiro"

Lindeiros: "O Ministerio de Transportes aproba o proxecto de nova entrada para o polígono do Milladoiro"

AMS GO!: "Aprobado o proxecto para o novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro"

Plano do proxecto de novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro

Multimedia

  • Plano do proxecto de novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro
  • Plano do proxecto de novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro