[29-03-2011] Ames busca unha nova banda que destaque no panorama musical galego. Despois de que o grupo Belöp se alzase co premio da quinta edición do certame Millarock, o Concello de Ames pon en marcha unha nova edición deste certame. Este concurso ten como obxectivo promocionar e darlle un pulo a todos eses grupos galegos que están comezando no mundo da música. A semana pasada aprobáronse, en Xunta de Goberno Local, as bases da sexta edición deste certame. Os candidatos deben enviar a súa maqueta antes do 26 de maio. A resolución publicarase o próximo 23 de xuño e o gañador recibirá un premio de 1.000 euros e a posibilidade de actuar diante do público amiense no Millarock 2011, que se celebrará o vindeiro 5 de agosto no aparcadoiro que está situado diante do pavillón polideportivo do Milladoiro.
Un ano máis, e xa se cumpre a sexta edición, o Concello de Ames comeza a organizar o seu emblemático festival Millarock para a promoción de grupos emerxentes que están traballando no mundo da música e que precisan unha pequena axuda para captar ó público e para seguir evolucionando.
Deste xeito, as bandas interesadas xa poden ir preparando as súas propostas para presentalas antes do día 26 de maio. Os candidatos deberán presentar unha maqueta, que inclúa dúas cancións de creación propia e que teñan a letra en galego, en formato mp3 e cun mínimo de compresión de 192 kbits. No sobre no que porá claramente VI CERTAME MILLAROCK tamén se incluirá un breve dossier coa historia e fotografías do grupo en formato dixital.
As bandas que desexen participar no certame, que poderán ter editado un disco como máximo no mercado, deberán adscribir o seu estilo a algunha das categorías presentes: pop rock (rock’n’roll, pop, garage, psicodelia, rock, ska, reggae, punk, noise, R&B… e outras combinacións) metal (rock duro, heavy metal, trash, speed metal, doom, metal gótico, industrial, AOR, hardcore, rap metal… e outras combinacións) ou hip-hop (trip-hop, rap… e outras combinacións).
Decisión final
O ditame do xurado darase a coñecer o día 23 de xuño de forma inapelable. Os membros que formarán ese xurado serán escollidos polo Concello de Ames entre persoas con coñecemento e experiencia acreditada na música rock. Para que a decisión teña validez, será necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros para emitir o resultado final. Estas deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
Premio
O mellor grupo, a criterio do xurado, actuará no festival Millarock o 5 de agosto de 2011, que terá lugar no aparcadoiro do polideportivo do Milladoiro a partir das 22:00 horas. Ademais, a banda gañadora do certame recibirá como premio 1.000 euros.
Os vencedores do concurso gozarán cunha actuación de ata 40 minutos no recital amiense no que a organización lles facilitará tanto o equipo como un técnico de son, escenario e equipo de iluminación. O grupo empregará o seu propio backline na actuación.
A banda que se alce co primeiro posto neste certame e participe no festival cederá o seu consentimento e dereitos, nunca cun uso comercial, para a publicación ou emisión do concerto.