Pestanas principais

Apróbase a adxudicación das obras de acondicionamento da avenida da Peregrina por preto de 76.000 euros

Venres, 20 de xaneiro de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de acondicionamento da AC-544 ao seu paso polo núcleo de Bertamiráns. As obras foron adxudicadas á empresa Vías e Servizos Compostela SL por 75.694 euros e levaranse a cabo ao amparo dun convenio coa Xunta de Galicia. As obras teñen por obxecto a mellora do pavimento da calzada, das beiravías e das zonas de estacionamento nunha lonxitude de 610 metros. 

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas coa mellora da pavimentación da AC-544. Trátase da avenida da Peregrina, concretamente do treito que comprende dende a intersección coa avenida da Maía ata a rúa do Bosque.

As actuacións contempladas están encamiñadas á mellora da capa de rodaxe na AC-544 nunha superficie aproximada de 610 metros. Previo ao inicio da pavimentación será preciso executar un fresado de 5 cm de espesor a toda a superficie de actuación. A continuación, procederase á reposición da capa de rodaxe dos carrís, beiravías e bandas de estacionamento.

A mellora completarase coa sinalización horizontal do treito de actuación, mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zona de carga/descarga, prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas. Tamén se contempla a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos.

Estas obras de acondicionamento da AC-544 foron adxudicadas pola Xunta de Goberno Local á empresa Vías e Servizos Compostela SL por un importe total de 75.694 euros.

Previamente, no pleno ordinario de marzo de 2022 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a rotonda da AG-56) sexa de titularidade municipal. En dito convenio tamén se recolle a execución de obras de acondicionamento da avenida da Peregrina.

Obras na Avenida da Peregrina
A adxudicación desta obra complementa os traballos levados a cabo na avenida da Peregrina coa creación do sendeiro escolar. O proxecto, adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL, ten un orzamento de máis de 190.000 euros e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O sendeiro parte do cruzamento da avenida da Maía coa propia avenida da Peregrina e disporá dun ancho aproximado de tres metros. Os traballos iniciáronse na parte alta da Avenida da Peregrina, xunto ao pavillón de Bertamiráns e transcorren a un bo ritmo de execución.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “as sucesivas reparacións do pavimento levadas a cabo na calzada da avenida da Peregrina provocaron a elevación da súa rasante ata deixala en varios treitos case a nivel da beirarrúa, polo que é moi necesario executar estes traballos de acondicionamento da capa de rodaxe”.

Ademais engadiu que “a mellora da avenida da Peregrina forma parte dunha estratexia global, vencellada a outras liñas de actuación que estamos executando, como son a creación do carreiro escolar e da améndoa central de Bertamiráns. Estes dous últimos proxectos están incluídos na EDUSI Impulsa Ames e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Estes proxectos teñen o obxectivo xeral de recuperar as rúas para as persoas. As cidades, para os cidadáns”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames adjudica las obras para acondicionar la avenida da Peregrina, en Bertamiráns"

As obras foron adxudicadas por un importe de 75.694 euros

Multimedia

  • Apróbase a adxudicación das obras de acondicionamento da avenida da Peregrina por preto de 76.000 euros