Pestanas principais

Apróbase a concesión de 10.000 euros en bolsas para deportistas de Ames

Mércores, 14 de agosto de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 8 de agosto unha nova liña de achegas para a concesión de bolsas para deportistas do Concello de Ames no ano 2024. O importe das bolsas que se van a conceder ascende a 10.000 euros.  A finalidade desta convocatoria é apoiar aos/as deportistas individuais de Ames, como medio para promover o deporte do municipio e, desta forma, conseguir logros deportivos para o concello. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases da convocatoria.

O Concello de Ames, na súa labor de promoción e difusión do deporte, vén de aprobar unha convocatoria de bolsas para deportistas individuais do municipio. Moitos destes atletas teñen dificultades para progresar en disciplinas individuais (olímpicas ou non olímpicas), especialmente nas etapas de formación.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinala que o obxectivo destas bolsas é “apoiar aos/as deportistas individuais de Ames, como medio para promover o deporte do municipio e, desta forma, conseguir logros deportivos para o concello”. Así, explica que “o que se pretende é axudar á práctica e ao rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como facilitando a súa participación en competicións deportivas de alto nivel”.

Beneficiarios/as
Poderán solicitar bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter condición de deportista na práctica dalgún deporte olímpico.
  • Nacer en Ames e/ou estar empadroado no concello, cunha antigüidade mínima de dous anos, desde o momento da solicitude da beca.
  • Ter licenza federativa, durante o ano 2024.
  • Estar ao corrente das obrigas fiscais co Concello de Ames, así como das obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social.
  • Acreditar nivel deportivo na modalidade practicada e ter proxección nas previsións de futuro.
  • Non estar cumprindo sanción firme por infracción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva, cualificada como grave ou moi grave.

No caso das persoas deportistas menores de idade, a persoa solicitante será sempre o/a menor, e a persoa representante (persoa que obrigatoriamente presenta a solicitude e a documentación) será o pai, nai ou titor legal do/a menor, que, ademais, se responsabilizará de todas as obrigas derivadas de que o seu fillo ou filla sexa titular/beneficiario/a da bolsa.

Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria os/as deportistas que participen en competicións de carácter oficial por equipos en formato de ligas regulares.

Dotación económica
A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 10.000 euros. O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 700 euros. Estas achegas estarán divididas en dúas partidas, segundo criterios de idade:
-Grupo A (12-17 anos): persoas deportistas nadas desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 decembro do 2012 (incluído).
-Grupo B (18-23 anos): persoas deportistas nadas desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 decembro do 2006 (incluído).

Estas bolsas serán compatibles con outras axudas públicas ou privadas para a mesma  finalidade, que lle deberán ser comunicadas ao Concello de Ames.

Presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será de 1 mes a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. En caso de rematar nun dia inhábil, este prazo entenderase prorrogado ata o inmediato hábil seguinte.

A solicitude, xunto coa documentación que corresponda, poderá presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello, nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (localizadas na casa do Concello en Bertamiráns e na oficina municipal do Milladoiro), ou a través de calquera dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Executivo local amiense crea unha bolsa de axudas de dez mil euros para deportistas"

Apróbase a concesión de 10.000 euros en bolsas para deportistas de Ames