Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana

Mércores, 12 de xaneiro de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana ata o límite co concello de Brión. Trátase dun proxecto relacionado co Ciclo integral da auga. Dita actuación, que ten un importe base de licitación de 60.796 euros (IVE incluído), está incluída no Plan Ames Progresa 2021-2023. Este proxecto foi previamente aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal no pleno ordinario de novembro de 2020.

O proxecto contempla a execución dunha rede de pluviais para canalizar a gran cantidade de auga que se concentra entre o lugar de Cantalarrana e mailo límite co concello de Brión, que conta cun orzamento de execución por contrata de 60.796 euros. En momento de elevada pluviosidade a acumulación de auga pode ocasionar danos no pavimento da estrada e nas vivendas de dito lugar, así como situacións de perigo para a seguridade viaria.

Para dar solución a esta situación preténdese instalar unha rede de pluviais de 286 metros. As tubaxes contarán coas correspondentes arquetas sumidoiro. Ademais, sobre dita rede executarase unha cuneta revestida de seguridade de 290 metros de lonxitude e cun ancho máximo de 1,80 metros, que permitirá a condución superficial das augas de escorrenta e a posibilidade de tránsito de peóns por esta zona. Na parte inicial da marxe esquerda (sentido cara a Brión) executarase unha zona peonil máis estreita dun metro de anchura.

Unha vez finalizada a execución da rede de pluviais arranxarase o pavimento afectado con saburra, grava e aglomerado en quente. Tamén se contempla a reposición da sinalización horizontal e vertical afectada, así como o pintado dun paso de peóns coa sinalización vertical correspondente.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “esta actuación executarase na pista que vai ata o límite co concello de Brión, onde se colocará unha tubaxe para as augas pluviais que se orixinan nesa zona e darlle saída natural. Deste xeito, eliminaranse as augas que van cara a rúa da Fragua e mellorarase a seguridade, tanto peonil como viaria, nesta zona. Ademais construirase unha cuneta e rígola de formigón”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Obras para acabar con las balsas que inundan casas y vías de Cantalarrana"

Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana
  • Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana
  • Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana
  • Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana