Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 128.415 euros

Xoves, 13 de febreiro de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas, por 128.415,69 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte; a mellora da seguridade viaria en Covas; e a pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Estas catro obras suman un importe de 731.866,86 euros.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora da seguridade viaria en Covas. Esta obra, que está sufragada con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, conta cun orzamento base de licitación de 128.415,69 euros, e será executada ao longo de 465 metros entre A Igrexa a O Lombao.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do POS+ Adicional 2/2024 temos a posibilidade de executar un novo tramo de senda peonil na parroquia de Covas. Desta volta, vaise a crear unha nova senda de 465 metros entre A Igrexa a O Lombao. Esta actuación súmase á xa executada para unir a parroquia de Covas co núcleo urbano de Bertamiráns”.

Características do proxecto
As actuacións que contempla este proxecto teñen por obxecto a mellora da seguridade viaria ao longo de 465 metros entre A Igrexa a O Lombao. Con este fin contémplase a creación dunha cuneta transitable na marxe dereita da estrada de 1,80 metros de ancho medio. Nos últimos 55 metros, o espazo dispoñible fai necesario reducir o ancho da cuneta a 1,00 metro, polo que, se duplicará tamén pola outra marxe.

Previo ao inicio das obras será preciso demoler os pavimentos que non sexan compatibles coa solución proxectada e o retranqueo de 5 postes. A cuneta transitable executarase mediante 15 centímetros de pavimento de formigón HM – 20 con mallazo sobre 15 centímetros de zahorra. No exterior da cuneta disporase un bordo de formigón prefabricado.

A diferenza de cotas entre a rasante da estrada e o terreo lindeiro esixe da construción dun muro de sostemento de bloques de granito de 50 metros de lonxitude e 1,00 metro de ancho medio. Sobre o muro disporase unha varanda modular de aceiro inoxidable para a contención dos peóns.

A rede de drenaxe estará composta por tubaxe de polipropileno de diámetros 400 milímetros de 315 milímetros e arquetas con sumidoiro. Para a rede de alumeado público empregarase tubo de polipropileno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas.

Apróbase a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 128.415 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 128.415 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 128.415 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 128.415 euros