- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 3 de agosto, o expediente de contratación das obras de mellora da seguridade viaria que se executarán no núcleo de Frenza, en Tapia. O orzamento é de 76.004,75 euros (IVE incluído). As actuacións, que se enmarcan dentro do POS+2023, contemplan a renovación dun viario local de 265 metros de lonxitude, así como dun abanico de 50 metros cadrados en Frenza.
O núcleo de Frenza, en Tapia, gozará dunha renovación dos seus viarios coa recente aprobación da licitación das obras de mellora da seguridade viaria. O proxecto vén de aprobarse na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado xoves, 3 de agosto, por importe de 76.004,75 euros (IVE incluído), e está incluído no programa POS+ 2023 da Deputación da Coruña.
Na actualidade, o viario no se que van executar as obras conta cun ancho medio de tres metros, polo que se pretende a súa ampliación ata os catro metros, mediante a execución dun sobreancho de 50 centímetros a cada marxe.
Por outra banda, executaranse cunetas transitables nas marxes da vía, para que poidan ser empregadas polos veciños nos seus desprazamentos cotiás. A marxe dereita terá unha lonxitude de 265 metros e un ancho medio de 1,50 metros, e na esquerda executaranse 60 metros de lonxitude, coincidindo coa fronte das vivendas existentes, cun ancho medio de dous metros. Antes de realizar as obras, levarase a cabo a demolición dos pavimentos existentes que non sexan compatibles coa solución proposta.
O paquete de firme nos sobreanchos da calzada estará composto por 15 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Sobre o viario existente levarase a cabo unha reparación de fochancas e reparación de mordentes, tamén mediante 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, disporase a toda a plataforma unha capa de rodaxe composta por 5 centímetros de aglomerado en quente, coa correspondente rega de adherencia.
As cunetas transitables executaranse mediante 15 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón en pavimento. A drenaxe realizarase mediante canalización de polipropileno e arquetas con sumidoiro. Baixo a cuneta disporase tamén de tubaxe de polipropileno para a canalización soterrada do alumeado público e arquetas prefabricadas.
As actuacións completaranse coa limpeza das gabias para a recuperación da súa sección hidráulica, a sinalización horizontal e vertical e a reposición dun poste.
O edil responsable do departamento de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “seguimos executando diversas obras, neste caso con fondos do POS+2023 da Deputación. Neste caso renovarase un viario do núcleo de Frenza, en Tapia, para mellorar a accesibilidade e seguridade de peóns e vehículos. Respondemos deste xeito a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza”.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "O Concello aproba as obras de mellora na pista de Frenza (Tapia)"