Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín, en Biduído, valoradas en 247.000 euros

Sábado, 02 de abril de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación de interiores e accesos do núcleo de Ventín, na parroquia de Biduído. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 246.910,06 euros, está sufragado polo plan POS+ 2021 da Deputación da Coruña. A actuación inclúe a mellora dos viarios de acceso dende o leste e o sur do lugar, a renovación do pavimento dos interiores ou a apertura de gabias, co fin de mellorar a funcionalidade e a seguridade das vías.

Os accesos e os camiños interiores do lugar de Ventín gozarán dunha importante mellora nos próximos meses, despois de que a Xunta de Goberno Local do pasado xoves 3 de marzo aprobase a licitación dun proxecto que parte cun orzamento base de licitación de 246.910,06 euros.

Neste senso, a comezos de mes remataron unhas obras similares en Firmistáns, na parroquia de Bugallido, nas que se investiron 132.967,92 euros, mentres que en febreiro foi adxudicada unha mellora nos accesos do Portanxil, en Trasmonte, por un importe de 51.340,70 euros.

Actuacións nos accesos ao leste e ao sur de Ventín

A través deste proxecto, actuarase nas principais vías de acceso a Ventín, situadas nas zonas leste e sur do lugar, e formadas por treitos de 55, 80 e 100 metros. No caso dos viarios do leste, mellorarase a capa de rodaxe, reparando as fochancas con grava e tratamento asfáltico, e aplicando 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

No caso do acceso dende o sur, de 100 metros de lonxitude, empregarase a mesma solución para o arranxo das fochancas, e aplicarase un tratamento asfáltico superficial e unha rega de selado para a mellora da capa de rodaxe deste treito.

Ademais, nas dúas vías do leste, de 55 e 80 metros de lonxitude, construirase unha gabia de seguridade de 135 metros e unha berma formigonada de 55 metros. A drenaxe superficial realizarase neste caso con canalización de PVC de 400mm de diámetro, con arquetas con sumidoiros.

Nova pavimentación de formigón e granito nos interiores

No que respecta aos interiores, demolerase o firme existente na actualidade e empregarase un pavimento composto por 10 centímetros de saburra e unha capa superficial de 15 centímetros de formigón con mallazo. Nas marxes da nova pavimentación disporanse franxas lonxitudinais de granito de 30 centímetros de ancho, que irán facendo cortes transversais ao longo de todas as pistas interiores.

Ademais, na vía do núcleo situada ao norte, será preciso levantar un muro de contención de terras con bloques de granito, sobre o cal se colocará tamén unha varanda metálica para a contención dos peóns.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “estes traballos están incluídos no plan de mellora e mantemento dos accesos e camiños interiores das aldeas do rural e continúan coa mellora dos núcleos rurais do concello”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Destinan 246.000 euros a mellora dos interiores e dos accesos de Ventín"

AMSGO!: "Aprobada a licitación das obras de pavimentación do interior e acceso a Ventín (Biduído)"

Apróbanse a licitación das obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín, en Biduído, valoradas en 247.000 euros

Multimedia

  • Apróbanse a licitación das obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín, en Biduído, valoradas en 247.000 euros