- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación da pavimentación das vías interiores do núcleo das Buceleiras, na parroquia de Bugallido. Cun orzamento base de 250.000 euros, o proxecto, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, inclúe actuacións en arredor de dous quilómetros de treitos, con reformas no asfalto e no pavimento, reparación de fochancas e sendas peonís.
As Buceleiras, na parroquia de Bugallido, vai gozar dun importante investimento na mellora das súas infraestruturas. A Xunta de Goberno Local do pasado 15 de setembro aprobou a licitación dun proxecto que conta cun orzamento base de 250.000 euros, e que está incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023.
Neste senso, actuarase ao longo de arredor de dous quilómetros de accesos e vías interiores do núcleo, repartidos en varios treitos de actuación. Na parte sur do núcleo, ao longo dunha superficie de 1.130 metros cadrados, levarase a cabo a execución dun novo pavimento de formigón con lastras de granito, baixo os que se executarán redes de drenaxe e de alumeado público.
Na parte central e leste das Buceleiras executaranse novas capas de rodaxe con aglomerado asfáltico, que inclúen a reparación de fochancas e, nalgúns tramos nos que sexa posible, a ampliación do viario mediante sobreanchuras.
Ademais, crearanse varias sendas peonís de formigón, que suman un total de 555 metros de treitos. Por último, na parte norte realizarase limpeza de marxes e unha nova plataforma de formigón. As actuacións pecharanse coa sinalización horizontal e cinco sinais de stop.
A licitación desta obra acompaña a outras actuacións no rural licitadas recentemente, como as dos accesos a Tarrío e a Eirapedriña, na propia parroquia de Bugallido, por 64.767,83 euros e 162.708,24 euros, respectivamente, ou a estrada entre O Vilar e Quintáns, na Ameixenda, cun orzamento inicial de 125.073,25 euros.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “a aposta que este Goberno fai polo rural amesán, no que se está traballando e mellorando en moitos núcleos, ademais doutros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos. A través de ditas melloras tratamos de que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir. Ademais, avanzamos co Plan Ames Progresa, co que seguimos coas actuacións nas vías e infraestruturas do rural”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Acometerán trabajos en Bugallido, en Ames, valorados en 250.000 euros"
El Correo Gallego: "Sendas e pavimento nas Buceleiras por 250.000 €"
AMSGO!: "O Concello pavimentará o interior das Buceleiras (Bugallido)"
Enfoques: "Ames invertirá 250.000 euros en la mejora de los viales de As Buceleiras, en Bugallido"