- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 11 de xullo o expediente de licitación das obras de pavimentación das rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 103.354,81 euros (IVE incluído) e forma parte do POS+ 2024 da Deputación da Coruña. A través de destas obras mellorarase a capa de rodaxe nunha superficie de 5.350 metros cadrados de ditas rúas. Esta actuación súmase a xa executada nas rúas do Muíño Vello, Agro do Medio, do Rego e de Abaixo, nas que se investiron 301.580,65 euros para mellorar a súa capa de rodaxe.
O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas tanto das parroquias do rural coma dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación das rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 103.354,81 euros (IVE incluído) e forma parte do POS+ 2024 da Deputación da Coruña.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca que “esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora das estradas dos núcleos urbanos e do rural de Ames. Desa volta, tócalle ao núcleo urbano do Milladoiro, onde recentemente xa se mellorou a pavimentación de varias rúas: Muíño Vello, Agro do Medio, do Rego e de Abaixo. Estas rúas son moi transitadas e necesitaban unha mellora da capa de rodaxe. Agora vanse a mellorar outras tres rúas máis do Milladoiro: Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira. En total, nestas obras en sete rúas do Milladoiro vanse a investir máis de 400.000 euros”.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que coa licitación desta obra “comezamos a tramitar os expedientes de licitación dos proxectos incluídos no POS+ 2024, que foi aprobado en Pleno no pasado mes de febreiro. Trátase dunha importante actuación porque vai completar a mellora das rúas interiores do núcleo urbano do Milladoiro, iniciada xa a través do POS+ 2022”.
Pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira
As actuacións contempladas na rúa Pardiñeiros teñen por obxecto a mellora da capa de rodaxe dunha superficie de 3.885 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.
Na rúa Seidón vaise renovar o pavimento nunha superficie total de 495 metros cadrados. Para elo, prevese a execución dun novo pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor na superficie de 325 metros cadrados e de 10 centímetros na superficie de 170 metros cadrados, sobre zahorra para a súa correcta nivelación, previa demolición de 355 metros cadrados de firme existente.
Por último, na rúa Panasqueira vaise mellorar a capa de rodaxe dunha superficie de 970 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Aprobada la pavimentación de tres calles de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Nueva mejora viaria para Milladoiro: renovarán las calles Seidón, Panasqueira y Pardiñeiros"