- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación de dous proxectos de obras e melloras por valor de 388.222,30 euros. Trátase das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido por 176.217,04 euros; e do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada, na parroquia da Ameixenda por 212.005,26 euros. Estes proxectos enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación de dous proxectos por valor de 388.222,30 euros. Son proxectos que inclúen a pavimentación de viarios dos núcleos de Mourigade e Cortegada.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa licitación destas obras nas parroquias de Bugallido e da Ameixenda seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2023 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 26 de outubro a licitación do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido, por 176.217,04 euros. Este proxecto está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2023. As actuacións que se van a executar están encamiñadas á mellora da pavimentación do viario deste núcleo, así como o acondicionamento do seu acceso polo norte, que na actualidade conta cun firme de material granular.
Por outra banda, o pasado 3 de novembro, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada, na parroquia da Ameixenda, por 212.005,26 euros. Neste caso o proxecto está incluído no POS + 2023 e contempla á mellora da pavimentación dos viarios do núcleo de Cortegada, así como dos seus accesos.