- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no lugar de Biduído de Arriba, por 185.104,42 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Ademais, a través do POS+ Adicional 2/2024 vaise executar a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo; a mellora da seguridade viaria en Covas; e o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora dos viarios no núcleo de Biduído de Arriba, situado nas inmediacións do complexo do colexio Alca. Esta obra, que está sufragada con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, conta cun orzamento base de licitación de 185.104,42 euros, e será executada con aglomerado e formigón.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do POS+ Adicional 2/2024 temos a posibilidade de executar catro novas obras, unha das cales é a pavimentación de viarios no lugar de Biduído de Arriba. Este proxecto enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade”.
Características do proxecto
As actuacións que contempla o presente proxecto están encamiñadas á reparación e mellora da pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM-20 con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición da superficie de firme existente. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.
Para o resto dos viarios prevese, nunha superficie de viario de 860 metros cadrados de viario existente, así como 100 metros cadrados de sobreanchos tamén existentes, a extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente previa reparación de focancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Nunha superficie de 690 metros cadrados proxéctase un paquete completo de firme con 10 cm de zahorra para a nivelación do camiño, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo a toda a superficie e a posterior extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente. Todo elo previo acondicionamento da explanación.
Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 320 metros de tubo de polipropileno Ø 400 mm SN-8 coa instalación de 16 arquetas con sumidoiro, 16 pozos, unha arqueta para colector con reixa e un total de 26 metros de canle de fundición dúctil con reixa clase D400, para a correcta recollida das augas pluviais. Para a rede de iluminación pública disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas.
POS+ Adicional 2/2024
O Concello de Ames dispón de 986.033,68 euros para a execución de novas obras co cargo ao POS+ Adicional 2/2024 da Deputación da Coruña. Con dita contía vanse executar catro obras (pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; senda dende A Ponte Maceira a Carballo; mellora seguridade viaria en Covas; e pavimentación de viarios en Biduído de Arriba), que xa están incluídas no Plan complementario ao POS+ 2024 e que suman un investimento de 731.866,86 euros, correspondente á primeira fase do POS+ Adicional.
Ademais, cos 254.166,82 euros restantes, vaise a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova, que están incluídos na segunda fase do POS+ Adicional. Este último proxecto foi aprobado no pleno ordinario do mes de xullo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames licita por 185.000 euros pavimentaciones en Biduído de Arriba"
El Correo Gallego: "Ames licita as obras de pavimentación de diversos viais en Biduído de Arriba"
Lindeiros: "Licítase o asfaltado de Biduído de Arriba, en Ames"