- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no lugar de Castro de Ortoño, por 149.608,76 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte; a mellora da seguridade viaria en Covas; e a pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Estas catro obras suman un importe de 731.866,86 euros.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora dos viarios no núcleo de Castro de Ortoño, situado na parroquia de Ortoño. Esta obra, que está sufragada con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, conta cun orzamento base de licitación de 149.608,76 euros, e será executada con aglomerado e formigón.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do POS+ Adicional 2/2024 temos a posibilidade de executar catro novas obras, que suman un importe de 731.866,86 euros. Neste caso licítase a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, que se enmarca dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade”.
Características do proxecto
As actuacións que contempla este proxecto están encamiñadas á mellora da pavimentación do viario do núcleo de Castro de Ortoño, así como do seu acceso polo vento sur. Para os viarios do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ambas as marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, de 35 centímetros de ancho.
Para o viario de acceso preténdese a mellora da capa de rodaxe mediante a execución de 5 centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tamén se contempla a pavimentación dun sobreancho existente de 85 metros de lonxitude e de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente como capa de rodaxe.
Na marxe dereita deste viario disporase unha cuneta transitable de 200 metros de lonxitude e 1.80 metros de ancho medio, que se executará mediante 15 centímetros de formigón con malla electrosoldada sobre 20 centímetros de zahorra. Na parte exterior disporase un bordo de formigón prefabricado.
A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro, pozos de rexistro e canles de fundición dúctil na fronte dalgunhas vivendas. Tamén se repoñerán as reixas existentes no acceso dende o oeste. Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a limpeza de gabias e marxes, a sinalización horizontal e a colocación de 4 sinais de stop.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Licitan a pavimentación de varios viarios rurais no lugar de Castro de Ortoño"