Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros

Domingo, 01 de decembro de 2024

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, na parroquia de Biduído, por 129.302,51 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Dos seis proxectos sufragados con cargo as “Achegas 2023 e 2024” do POS+ 2024, un está adxudicado, catro en fase de licitación, e falta por licitar a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora dos viarios no núcleo de Casanova, pertencente á parroquia de Biduído. Esta obra, que conta cun orzamento base de licitación de 129.302,51 euros, está sufragada con cargo ao POS+ 2024.

Recentemente tamén se inicio o expediente de licitación dos proxectos de obras da senda e pavimentación do lugar de Coira, en Biduído; de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames, e de mellora da seguridade viaria dende O Mercuto ata O Vilar, ambos lugares pertencentes á parroquia da Ameixenda. Ademais, hai que sumar a adxudicación das obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, no Milladoiro. Agora hai que sumar a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova. Estes cinco proxectos están incluídos dento do POS+ 2024 e suman un investimento total de 855.926 euros.

Dos seis proxectos sufragados con cargo as “Achegas 2023 e 2024” do POS+ 2024, un está adxudicado, catro en fase de licitación, e falta por licitar a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns, que conta cun orzamento base de licitación de 118.799,62 euros. Deste xeito, o investimento total a través do POS+ 2024 achégase ao millón de euros, sen ter en conta o POS+ Adicional 2/2024, a través do cal o Concello disporá de 986.033 euros a maiores.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa licitación desta obra na parroquia de Biduído seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2024 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. Desta volta tócalle ao núcleo de Casanova onde se vai arranxar o pavimentos dos viarios e mellorar a seguridade peonil cun treito de cuneta transitable e cunha senda peonil. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade”.

Características do proxecto
As actuacións que contempla o proxecto están encamiñadas á mellora da pavimentación dos núcleo de Casanova. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición do firme existente. En ambas as marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o resto de viarios preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos camiños dos extremos leste e oeste, de menor anchura, tamén se proxecta o arranxo dos mordentes de ambas as marxes mediante a execución dun paquete de firme composto por 20 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

Na contorna do cruceiro disporase un pavimento de lastra de granito. Co fin de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil proxéctase un treito de cuneta transitable de 85 metros de lonxitude e 1,00 metro de ancho medio e unha senda peonil de 55 metros de lonxitude e 2,00 metros de ancho. En ambos casos empregarase un pavimento composto por 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón con mallazo.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable e na senda peonil disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse, pozos de rexistro, arquetas con sumidoiro e canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas.

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios, a súa sinalización horizontal e a colocación de catro sinais de stop.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames activa cinco proxectos de obras viarias por 855.926€"

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros