- Tematica
A Xunta de Goberno local vén de aprobar o expediente de contratación das obras de saneamento e abastecemento no lugar de Buceleiras e Guimaráns, mediante procedemento aberto simplificado abreviado, cun único criterio de adxudicación (factor prezo). O importe das obras é de 63.368, 14 euros máis IVE do 21%. As obras executaranse sobre unha superficie de 750 metros e faranse 15 pozos de rexistro en beirarrúa e 7 en calzada. As obras realízanse con cargo a fondos propios do Ciclo Integral da Auga.
Para a execución do saneamento será necesario realizar dous cruces con topo na estrada DP-0205 Bertamiráns – A Ramallosa. A rede de saneamento (PVC Ø315 SN-4) abranguerá 750 metros. Previamente faranse as demolicións necesarias e a execución da gabia. Instalaranse 15 pozos de rexistro en beirarrúa e 7 pozos de rexistro en calzada.
Após de instalar a tubaxe, procederase ao recheo e compactación da gabia. O vertido desta rede realizarase nun pozo da rede xeral de saneamento. Igualmente procederase a instalación de 345 m de tubaxe para abastecementos PEØ90 mm 16 atm., previa execución da gabia e posterior recheo e compactación. Faranse 3 arquetas para aloxamento de chaves que inclúan válvula de comporta, ventosa, válvula de baleirado e tapón.
Unha vez instaladas as redes, procederase a reposición dos pavimentos nas zonas necesarias. Nos camiños de saburra, aplicarase estendido e compactado de 12 cm de saburra artificial No treito de regas recargarase con 15 centímetros de grava, máis rega semiprofunda na zona da gabia e bacheo, con 10 cm de grava máis rega semiprofunda na zona do firme non afectada polas obras. Despois aplicarase rega superficial e selado en toda a anchura da pista. Ademais, no cruce en aglomerado, faranse 20 centímetros de pavimento de formigón máis 7 centímetros de aglomerado en quente.
“Seguimos apostando de maneira clara por dotar de servizos básicos ao rural de Ames”, manifesta o alcalde de Ames, Blas García, que ademais engade que “con este novo saneamento damos servizo a varias vivendas destes núcleos que até de agora carecían deste servizo”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Ames aprueba el expediente de la red de agua para Buceleiras y Guimaráns"
El Correo Gallego: "Extenderán la traída y el saneamiento pendientes a Buceleiras y Guimaráns"