- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras de pavimentación nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns. Cun orzamento base de 101.358 euros, o proxecto, que forma parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, súmase a outras actuacións similares aprobadas recentemente, como o asfaltado da urbanización Aldea Nova ou as obras de mellora nos interiores das Punxeiras e do Instrumento.
Tres rúas da contorna da praza de Chavián e da parte oeste da avenida da Maía, en Bertamiráns, van gozar dunha mellora na súa capa de rodaxe, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase un novo proxecto con fondos do Plan Ames Progresa 2021-2023, que inclúe un conxunto de actuacións en infraestruturas do concello nos últimos meses.
A obra, cuxa licitación conta cun orzamento base de 101.358,13 euros, afectará ás rúas Xesteira e Fieira, situadas á altura da praza de Chavián, ao sur da avenida da Maía; e á rúa Poeta da Maía, que conecta esta avenida coa zona do Pedregal.
Deste xeito, actuarase sobre dous ramais dunha das vías principais de Bertamiráns, creando unha nova capa de rodaxe en toda a superficie das tres rúas, aplicando unha capa de aglomerado en quente despois de ter fresado e preparado as zonas. Ademais desta obra común a todos os treitos, na rúa da Fieira acondicionarase unha nova área de 185 metros cadrados que aumentará o ancho da vía existente, actuando con capas de saburra, grava e tratamento asfáltico, para despois proceder coa mesma mestura da nova capa de rodaxe. As reformas completaranse co pintado da correspondente sinalización.
A recente aprobación desta obra acompaña a outras melloras en infraestruturas lanzadas como parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, como a licitación da reforma nos interiores e accesos ao Instrumento, por 183.286,40 euros; o asfaltado das Punxeiras, por 175.148,95 euros, ou o da urbanización Aldea Nova, por 243.882,74 euros; a senda peonil de Lapido a Maguxe, adxudicada por 201.060,18 euros; a rede de pluviais no lugar de Cantalarrana, cun importe de 55.780,33 euros, ou as obras de saneamento e abastecemento de Guimaráns e Buceleiras, adxudicadas por 68.164,47 euros.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “neste caso vaise actuar sobre tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns que precisan unha mellora do pavimento. Estas actuacións permiten mellorar a seguridade viaria na zona. Deste xeito, seguimos avanzando co Plan Ames Progresa, que combina actuacións no rural coma nos núcleos urbanos do concello”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames destina 101.358 euros a pavimentar tres calles de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Luz verde á licitación do asfaltado das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, sitas en Bertamiráns"