- Tematica
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar o expediente de contratación do servizo de asistencia técnica para a redacción da Axenda Urbana 2030, así como para o deseño e implantación do sistema de seguimento e avaliación e o plan de comunicación. O orzamento base de licitación do proxecto é de 59.999,44 € euros. Deste xeito, procederase, tras completar unha primeira fase de diagnóstico de situación, a levar a cabo as seguintes fases do proceso para a elaboración de dita axenda.
A Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030, e máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.
A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A primeira desas etapas, a de diagnose, xa foi obxecto de contratación no ano 2022. Unha vez completada, corresponde agora continuar coas seguintes fases do proceso.
Deste xeito, a Xunta de Goberno Local licitou o servizo de asistencia técnica para levar a cabo distintos procesos: a definición do marco estratéxico da axenda, a elaboración do PEAL, o deseño e implantación do sistema de avaliación e a elaboración dun plan de comunicación (abarcando soporte, seguimento das actuacións, e estratexia específica en materia de información, publicidade e comunicación). O expediente de contratación foi aprobado por importe de 59.999,44 €.
Fase de análise e diagnose
A primeira fase da elaboración da Axenda Urbana 2030, a de análise e diagnóstico, foi presentada en decembro de 2022, e pódese consultar premendo nesta ligazón. Está dividida en 10 apartados que a súa vez teñen varios retos. No apartado de territorio, paisaxe e biodiversidade abórdase a necesidade de adoptar un modelo territorial asumido polo conxunto de administracións que interveñen na área urbana; a revitalización do espazo rural que implique a súa reactivación produtiva, dinamización social e posta en valor do patrimonio cultural e natural; e maila necesidade de favorecer a conectividade ambiental do conxunto da área urbana, mediante unha rexeneración ambiental que teña ao río Sar como eixo estruturador.
No segundo apartado faise referencia ao modelo urbano e existen cinco retos: necesidade de establecer unha malla territorial, que integre en rede os núcleos urbanos, os crecementos suburbanos, os núcleos rurais e os principais equipamentos e servizos; necesidade de revisar as dotacións existentes e previstas e a súa distribución territorial con criterios de cidade de proximidade; posibilidade de resolver os bordes urbanos inacabados ou inconexos co río Sar como nexo de unión; posibilidade de establecer redes de percorridos peonís, que configuren tamén percorridos comerciais, que conecten O Milladoiro e Bertamiráns, e Brión e Santiago en clave supramunicipal; e necesidade de impedir o incremento da dispersión poboacional, aumentando a densidade e compacidade dos núcleos periféricos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames asigna 60.000 euros a nuevos trabajos vinculados a la Axenda 2030"