Pestanas principais

Apróbase a licitación dos proxectos de construción de dous anfiteatros e de subministro de luminarias

Sábado, 12 de xaneiro de 2019

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 13 de decembro os expedientes de licitación, por procedemento aberto simplificado, das obras para a construción de dous anfiteatros para a mocidade en Bertamiráns e Milladoiro, así como o contrato de subministro de luminarias para distintos lugares das parroquias do Concello, como Ameixenda, Ames e Biduido. Estas actuacións foron escollidas pola veciñanza amesá dentro do Proceso de Orzamentos Participativos 2018.

O proxecto de construción de dous anfiteatros, que se executarán na avenida do Muíño Vello, no Milladoiro, e no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, ten un orzamento base de licitación de 41.319,69 €. A licitación do contrato de obras foi publicado o 14 de decembro e o prazo rematou o 31 dese mesmo mes. Por diante quedan as fases de apertura de ofertas, clasificación e adxudicación. O obxectivo destas construccións será a de organizar festas, teatro e cine ao aire libre para a mocidade amesá.

No tocante ao expediente de subministro de luminarias, que conta cun orzamento de licitación de 26.780€, foi publicado o 17 de decembro a través dun procedemento aberto simplificado, cuxo prazo de presentación de ofertas o día 2 de xaneiro ás 14.00h. Tanto este expediente como o dos anfiteatros están colgados na Plataforma de Contratación do Estado, ao que se pode acceder a través da páxina web do Concello, no Perfil do Contratante do Concello de Ames.

Genma Otero, concelleira de Economía e responsable do Departamento de Contratación afirma que "imos avanzando na execución das actuacións escollidas polas veciñas/os dentro do proceso de Orzamentos Participativos 2018. Se ben houbo moitas actuacións escollidas que xa se remataron no 2018, quedaron pendentes os dous expedientes de licitación de subministro de luminarias e construción dos dous anfiteatros, pois cumprindo a nova Lei de Contratos do Sector Público, tiveron que licitarse en procedemento aberto, o que dilata un pouco o proceso de execución das actuacións”. A pesar do que “esperamos deixar rematadas as mesmas neste primeiro trimestre de ano”.

A concelleira remata “agradecendo novamente o traballo feito pola veciñanza e a mocidade amesá no Proceso de Orzamentos Participativos e dicir que xa estamos a traballar nos Orzamentos Participativos 2019".

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Ames licita por más de 40.000 euros la conversión de dos espacios públicos en auditorios al aire libre"

Imaxe do proxecto do anfiteatro do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do proxecto do anfiteatro de Lapido
  • Imaxe da presentación dos proxectos de anfiteatros de Lapido e O Milladoiro
  • Imaxe da presentación dos proxectos de anfiteatros de Lapido e O Milladoiro