- Tematica
A Xunta de Goberno Local, reunida o 26 de xuño de 2020, vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo dos Programas Municipais de Conciliación Lúdicos e Escola de Verán do Concello de Ames para os próximos catro anos. O valor estimado do contrato ascende a 1.142.362,37 euros e abrangue os custos da Escola de Verán, que se desenvolve nos meses de xullo e agosto, e os catro programas de conciliación -Entroido Lúdico, Primavera Lúdica, Setembro Lúdico e Nadal Lúdico-, que o Concello pon en marcha cada ano para conciliar a vida laboral e familiar nas épocas de vacacións escolares. A licitación faise por un período de dous anos e dous anos de prórroga, no sistema de un máis un.
A conciliación da vida laboral e familiar en Ames susténtase en boa parte nos programas que o Concello pon en marcha durante o verán e no resto das vacacións anuais e períodos nos que non se imparten clases oficiais. As vacacións de Primavera e Nadal, os días festivos do Entroido, as xornadas de setembro que preceden ao inicio das clases nos colexios e os dous meses de vacacións de verán están cubertos a través da Escola de Verán, a Primavera Lúdica, O Nadal Lúdico, O Entroido Lúdico e o Setembro Lúdico.
Estes programas de conciliación están dirixidos ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Primaria. Todos eles inclúen a oferta de servizo de Bos Días e Comedor. Deste xeito as familias poden inscribir aos fillos e as fillas en horarios que lles permiten almorzar ou xantar a través do programa.
Todos estes servizos están encadrados nos programa de conciliación do Concello de Ames e están concibidos como unha especie de escolas de tempo libre onde a rapazada aprende a través do xogo e da convivencia, incidindo en cuestións como a solidariedade, o compañeirismo, o traballo en equipo e a educación en valores. Faise tamén moito fincapé, á hora de preparar actividades e programación, no coñecemento do medio e da contorna. Serven ademais para que a rapazada que vive en distintas zonas do concello se coñeza entre si, pois os usuarios e usuarias adoitan proceder de distintas parroquias e colexios.
Coa licitación dos programas lúdicos e de conciliación, garántese a continuidade destas actividades durante os vindeiros anos, inicialmente para os exercicio 2021 e 2022, e se se executa a opción de prórroga para os anos 2023 e 2024. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo dos Programas Municipais de Conciliación Lúdicos e Escola de Verán do Concello de Ames. O valor estimado do contrato ascende a 1.142.362,37 euros. A licitación faise por un período de dous anos e dous anos de prórroga, no sistema de un máis un.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames aproba a licitación dos programas lúdicos e de verán por catro anos"
La Voz de Galicia: "Ames licita por 1,4 millones el programa lúdico de conciliación"