- Tematica
O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 30.000 euros entre dez asociacións culturais e de 25.000 euros entre sete asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións do concello que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. Todas aquelas entidades que aínda non presentaran a xustificación de gastos terán ata o día 31 de xaneiro de 2023 para facelo.
A Xunta de Goberno Local aprobou o reparto de 55.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Para a realización das actividades levadas a cabo por parte de ditas asociacións culturais durante o exercicio 2022 destinouse un total de 30.000 euros. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizaran actividades de índole cultural. En total, foron dez as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, dun máximo do 80% do orzamento total destinado para este fin. Ademais, o importe das achegas individuais concedidas non superou os 7.500 euros.
A finalidade desta liña de subvencións é achegar á cultura ao maior número de persoas e a promoción da participación activa da veciñanza amesá neste ámbito, que representa un claro interese público.
A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou que “Ames conta cun amplo tecido asociativo, e para nós esta liña de axudas é importante, porque entendemos que as administracións e as asociacións deben traballar xuntas, da man. Incentivar e estimular o asociacionismo no noso concello foi unha das miñas grandes teimas como concelleira de Cultura”.
A concelleira engadiu que “nalgunhas parroquias partiamos de moi boa base, pero cremos que, aínda así, sempre é necesaria a axuda das administracións, neste caso, cun incentivo económico”.
Asociacións e comisións de festas beneficiadas
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas foron a Asociación Cultural Os Castros, con 5.561 euros; a Asociación Coro Son Elas Ames, con 1.353 euros; a Asociación Recreativa e Cultural Lojo Batalla de Tapia Ames, con 1.759 euros; así como a Asociación Cultural Antonio Santomil, con 1.063 euros.
Tamén recibiron a subvención a Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido, cun total de 5.978 euros, Nova Escola Galega, con 3.894 euros, e a Asociación de Veciños O Reguiño de Raíces e Casanova, con 2.049 euros.
Por último, o Goberno local repartiu subvencións entre o Centro Cultural da Maía, ao que se lle outorgaron 4.736 euros, a Asociación Cultural Follas Novas, 2.198 euros; e a Asociación Cultural A Madalena do Milladoiro, 1.409 euros.
Por outra banda, aprobouse un reparto de 25.000 euros que irán a parar ás arcas de sete asociacións e comisións de festas. Beneficiáronse das axudas a Asociación Sociocultural Mulleres San Xoán de Ortoño, que recibiu 5.377 euros; a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, con 2.000 euros, a Asociación de Festas do Milladoiro, con 6.500 euros; así como a Asociación Cultural Comisión de Festas San Lourenzo de Agrón, con 1.000 euros.
Por outro lado, as outras tres entidades que conseguiron a subvención son a Asociación Cultural e Festexos Virxe da Peregrina, con 6.500 euros; a Asociación Recreativo Cultural de Ameixenda, con 1.000 euros; e a Asociación Cultural e de Festexos Santa María de Biduído, con 2.623 euros.
Xustificación de gastos
Os beneficiarios das axudas deberán aportar a xustificación dun importe mínimo de gastos, correspondentes ao exercicio do ano 2022. As asociacións e comisións terán de prazo para facelo ata o día 31 de xaneiro de 2023.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Subvencionan con 55.000 euros a entidades culturais e comisións de festas"