Pestanas principais

Apróbase o reparto de 55.000 euros en axudas para as asociacións culturais e comisións de festas de Ames

Luns, 15 de xullo de 2024

O Concello de Ames acaba de aprobar, na Xunta de Goberno Local do pasado 5 de xullo, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 30.000 euros entre catorce asociacións culturais e de 25.000 euros entre oito asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións do concello que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. As entidades beneficiarias destas axudas teñen ata o 31 de xaneiro de 2025 para presentar a xustificación de gastos. Os gastos a aportar polas entidades beneficiarias teñen que corresponder ao exercicio 2024.

A Xunta de Goberno Local aprobou o reparto de 55.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Para a realización das actividades levadas a cabo por parte de ditas asociacións culturais durante o exercicio 2024 destinouse un total de 30.000 euros. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizan actividades de índole cultural. En total, foron catorce as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, dun máximo do 80% do orzamento total destinado para este fin. Ademais, o importe das achegas individuais concedidas non superou os 7.500 euros.

A finalidade desta liña de subvencións é achegar a cultura ao maior número de persoas e promover unha vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón que tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “estas liñas de axudas están dirixidas ao tecido asociativo do concello de Ames co obxectivo de promover unha vida cultural estable, a través das disintas asociacións existentes no noso termo municipal, e favorecer a existencia dunha programación festiva nas parroquias e núcleos urbanos de Ames”.

Actividades organizadas por asociacións culturais
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas foron a asociación cultural Follas Novas con 1.459 euros; a asociación coro Son Elas, con 728 euros; a asociación recreativa, deportiva e cultural Lojo Batalla de Tapia, con 1.054 euros; a Nova Escola Galega con 2.352 euros; a asociación de veciños Aldea Nova con 3.304 euros; a asociación cultural Os Castros con 3.951 euros; a asociación cultural Antonio Santomil con 1.505 euros; a asociación de veciños O Reguiño de Raíces e Casanova con 1.349 euros; así como a asociación veciñal de Covas con 1.345 euros.

Tamén recibiron a subvención a asociación cultural Val da Mahía con 361 euros; a asociación cultural Mahía con 3.951 euros; a asociación veciñal sociedade agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído con 948 euros; a asociación de veciños de San Pedro de Bugallido con 3.900 euros; e maila asociación cultural Retranqueiros con 3.793 euros.

Promoción de festas populares
Por outra parte, para a promoción de festas populares aprobouse a concesión de 25.000 euros entre oito asociacións e comisións de festas. A estas axudas puideron optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que están legalmente constituídas e que figuran inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén puideron acceder a estas axudas as comisións de festas.

Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias.

O importe individual destas axudas depende dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima pode ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes. As actividades poden ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total.

Dentro desta liña de axudas aprobouse a concesión de 1.000 euros para a asociación  recreativa e cultural da Ameixenda; 1.000 euros para a asociación veciñal Tres pés para un banco; 1.000 euros para a asociación cultural e comisión de festas de San Lourenzo de Agrón; 5.792,55 euros para asociación cultural e festexos Virxe da Peregrina; 2.000 euros para a asociación de veciños San Pedro de Bugallido; 5.117,35 euros para a comisión de festas Magdalena en festas; 5.117,35 euros para a asociación de fesas San Xosé do Milladoiro; e 3.972,75 euros para a asociación sociocultural Mulleres San Xoán de Ortoño.

Apróbase o reparto de 55.000 euros en axudas para as asociacións culturais e comisións de festas de Ames