Pestanas principais

Arranca a programación de decembro das Bibliotecas Municipais de Ames cun mes repleto de presentacións literarias

Venres, 29 de novembro de 2019

A Concelleira de Cultura, Natividade  González, presentou esta mañá o programa de decembro para as bibliotecas municipais xunto con Divina Fernández e Bibiana Calvo, traballadoras municipais das bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro. Arranca así un mes de decembro repleto de grandes novidades editoriais, que serán presentadas polos seus propios autores en diferentes espazos do concello. A programación arranca o mércores, 4 de decembro, con Paulo Calvo, proseguirá con Ángeles e Isabel Abelleira Bardana o próximo xoves 12 de decembro e Nazaret López o xoves 19 de decembro.

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Ames quérese facer unha aposta con firmeza por difundir, promover e incentivar a lectura, ofrecendo servizos e recursos aos escritores amesás coa finalidade de crear un impacto na sociedade e fidelidade aos novos/as usuarios/as.

Desta maneira, a concelleira de Cultura destaca que  “a través das Bibliotecas de Ames queremos poñer en valor aos nosos escritores e escritoras, e destacar que Ames é berce dun pequeno mundo de artistas, músicos e escritores. Desde esta concellería queremos poñer en valor, a todos eles”. E engade que “abro as portas do concello e convido a todas aquelas persoas que están interesadas en presentar a súa obra, xa que somos conscientes e valoramos enormemente a importancia de apoiar proxectos con gran dedicación tempo e esforzo”.

A maldición de San Bradán de Paulo Calvo
A programación de decembro comeza o próximo mércores 4 de decembro coa presentación ás 19.30 horas na Biblioteca de Bertamiráns da obra de Paulo Calvo; A maldición de San Bradán. Unha novela que nos fará conter a respiración, onde o misterio, o azar e a intriga histórica nos levaran a non saber se o destino da humanidade é libre ou obedece á vontade dun obxecto.

Paulo Calvo é un amesán profesor de Economía e Matemáticas no ensino secundario. Licenciado en Economía pola USC, é especializado en Responsabilidade Social Corporativa e Desenvolvemento Sostible pola UNED. No eido literario é a súa primeira incursión no mundo da novela, pero anteriormente recibiu premios en certames como o de microrelatos de Panxea, o certame do Centro Galego de Frankfürt e nos Sonigramas do Diario cultural da Radio Galega. Asemade, colaborou cunha serie de relatos curtos de xénero fantástico no libro Contos estraños. Segunda era (2014).

O latexo dunha aula infantil das irmáns Abelleira
Continúa a programación de presentacións literarias o xoves, 12 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Alí, as irmáns amesás Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca presentaran a súa obra; O latexo dunha aula infantil, unha obra na que fixan os dez eixos temáticos a abordar nesta etapa educativa, vinculando sempre a súa actividade cotiá coa escola. Que os pequenos descubran quen son e como son, que fan, que coidan, que pasa ao seu redor, que comen, que os (con)move, que poden achegar á comunidade e cara a onde van. Preguntas básicas, elementais pero non simples, pois son as que se fai calquera persoa adulta cando quere explicarse ante si mesma ou ante os outros.

Así, nesta publicación recóllense máis dun cento de latexos (experiencias de vida) organizados baixo epígrafes que fan referencia ao coñecemento dun mesmo desde distintas facetas: como individuos, como persoas,como familiares, como cidadáns, como consumidores ou como activistas culturais, ambientais e sociais.

Tamén escriben o blog InnovArte Educación Infantil, no que se fala de experiencias de aula, de reflexións educativas, recomendacións de lectura e outras moitas informacións recopiladas en máis de 1200 post, lidos por miles de seguidores de toda Iberoamérica.

As irmáns Abelleira contan no seu haber con varios premios de innovación educativa a nivel autonómico (2001-2003), o premio Mestre Mateo (2011) ás súas colaboracións educativas no ámbito audiovisual; o premio  Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa (2012); foron seleccionadas para representar a España polo ciclo 3-6 na I Rede Iberoamericana de Innovación Educativa en Educación Infantil (2014); e foron finalistas autonómicas para o premio Acción Magistral (2015) convocado pola FAD.

En 2016 concédeselle o premio Marta Mata de Pedagoxía polo libro “Os fíos de infantil”, que foi publicado en catalán, castelán, galego e portugués brasileiro. Ademais desempeñaron funcións na administración educativa relacionadas coa formación permanente, a ordenación e innovación educativa, así como a dirección de centros educativos. Colaboran habitualmente en actividades de formación do profesorado, así como con proxectos editoriais e con publicacións especializadas en educación infantil.

Formigas nos pés de Nazaret López
Posteriormente, o 19 de decembro no Pazo da Peregrina, Nazaret López presenta a súa obra Formigas nos pés, unha radiografía dese sentimento tan universal que é a dor producida por unha ruptura. A novela aborda a dor dunha muller que fica soa aos 50 anos e que debe reinventarse desde ese punto de devastación interna, a historia de alguén que inicia un arduo proceso para reconstruírse e para aprender a camiñar sen aqueles brazos que a sostiñan e que ela cría eternos. Esta é unha novela escrita cunha extraordinaria pulsión. É a historia de Eva, expulsada do paraíso, e de todas as Evas que foron, son e serán. A historia desas mulleres ás que a vida pon na difícil tesitura de aprender a dicir adeus.

Nazaret López é unha xornalista amesá que leva arredor de 15 anos traballando no departamento de Comunicación e na radio municipal do Concello de Ames. Anteriormente, traballou en medios de comunicación como na Televisión de Galicia, Televisión Española, e diferentes medios radiofónicos. Nazaret López conta cunha gran bagaxe dentro do mundo do teatro, con creación e dirección de diferentes obras. Agora, estréase no ámbito novelístico coa obra Formigas nos pés.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Arranca a programación de decembro das Bibliotecas Municipais de Ames"

Programación de decembro das bibliotecas municipais

Multimedia

  • Programación de decembro das bibliotecas municipais
  • Programación de decembro das bibliotecas municipais