Pestanas principais

Arredor de 100 nenos/as de terceiro e cuarto de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño participan nun obradoiro sobre os ecosistemas

Mércores, 28 de marzo de 2012

[28-03-2012] Dous grupos de alumnos de terceiro e cuarto de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño participan durante esta semana nun obradoiro sobre os ecosistemas. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Hoxe pola mañá asistiron ata a Aula da Natureza un grupo de 50 alumnos/as de terceiro de Primaria do CEIP Agro do Muíño, mentres que o venres farano outros 50 alumnos/as de cuarto de Primaria deste mesmo colexio. O obradoiro desenvólvese entre as 10:00 h e as 13:30 horas.

A Aula da Natureza está aproveitando o seu novo espazo físico, situado na parroquia da Ameixenda, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello os diversos elementos da natureza. Así, dende a concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade púxose en marcha un programa de actividades dirixidas ao alumnado dos centros educativos amienses.

Durante este trimestre o alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño estivo estudando os ecosistemas polo que dende o centro de ensino considerouse esta actividade, que organizou a Aula da Natureza, un gran complemento na súa aprendizaxe. Os nenos e nenas tiveron que reflexionar sobre que é un ecosistema e a importancia de manter o seu equilibrio.

A coordinadora da Aula da Natureza foi a encargada de guiar aos pequenos polos diferentes ecosistemas. En primeiro lugar explicóuselle ao alumnado que os ecosistemas están baseados en tres eixes; o medio físico, os seres vivos que viven nel, e a relación existente entre os seres vivos e o medio. Os nenos e nenas gozaron dunha mañá moi instrutiva e lúdica xa que participaron nun obradoiro eminentemente práctico.


O alumnado estivo divido en seis grupos e cada un dos grupos tivo que recrear un ecosistema nunha maqueta. Os rapaces e rapazas elaboraron un ecosistema rural, dun río, dunha costa, dunha lagoa, dun bosque húmido e dunha montaña. Sobre a base dunha caixa de cartón os rapaces e rapazas tiveron que reconstruír con plastilina o medio físico do ecosistema que lle tocou facer. Posteriormente, tiveron que recortar varios debuxos relacionados coa flora e fauna do devandito ecosistema que lles tocou reproducir. Primeiro tiveron que diferenciar a flora e fauna correspondente a cada un dos ecosistemas e despois recortar os debuxos e colocalos na base que previamente prepararon con plastilina.

Unha vez rematadas as maquetas os nenos e nenas tiveron que facer unha cadea alimentaria de cada un dos ecosistemas e explicarlla aos seus compañeiros/as. Pero non todo foi traballar, os rapaces e rapazas tamén fixeron un pequeno descanso para almorzar e xogar no exterior do edificio da Aula da Natureza. Os nenos/as participaron en diferentes xogos de cooperación para coñecer a importancia do equilibrio tanto nos ecosistemas coma no xogo que desenvolveron. Os nenos/as simularon un ecosistema facendo unha cadea. Se algún dos elementos do ecosistema/cadea fallaba non se podía desenvolver o ecosistema ou o xogo.

A concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade está promovendo unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo o de fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.