Pestanas principais

Arredor de 150 padexeiros/as participarán este domingo, 11 de agosto, no XXXIV Descenso do Tambre – Circuíto da praia fluvial de Tapia

Sábado, 10 de agosto de 2019

A praia fluvial de Tapia acolle este domingo, 11 de agosto, a XXXIV edición do descenso do Tambre. Arredor de 150 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organizan esta competición que chega a súa trixésimo cuarta edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 16:00 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil desenvolverase a partir das 17:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que poden participar nesta proba son K-1 e C-1.

A contorna da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta e catro, o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza o xa tradicional descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 16:00 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames), e as 17.00 horas terá lugar o circuíto, no que participarán as categorías benxamín, alevín e infantil.

Nesta edición participarán uns 150 deportistas. No descenso do Tambre participarán arredor de 50 padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete). A partir das 16:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento. Na proba de circuíto, que se realizará na propia praia fluvial de Tapia, participarán uns 100 rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto conta cunha distancia dun quilómetro e medio.

Entrega de premios
Unha vez finalizadas todas as probas farase a entrega de premios, que está previsto que comece a partir das 20.00 horas. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados tanto do descenso coma do circuíto da praia fluvial.

A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España, así como a aqueles/as deportistas que cumpren a normativa de afiliación establecida pola Federación galega ou española de piragüismo (temporada 2019). A xornada rematará despois dos pinchos, que se ofrecerán aos participantes e os seus acompañantes.

Para poder competir, os/as padexeiros/as deben estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2019 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes.

Recollida de dorsais
A recollida de dorsais realizarase das 13.30 ás 14.30 horas nas instalacións da praia fluvial, no mesmo día da regata. Para máis información pódense poñer en contacto co Club de piragüismo Ribeiras do Tambre chamando ao número de teléfono 625 398 575. Outra opción é poñerse en contacto coa Federación Galega de Piragüismo a través do número de teléfono 986 84 21 06.

Imaxe do descenso do Tambre do ano 2018

Multimedia

  • Cartel do XXXIV Descenso do Tambre – Circuíto da praia fluvial de Tapia
  • Imaxe do descenso do Tambre do ano 2018
  • Imaxe do descenso do Tambre do ano 2018