Pestanas principais

Arredor de 1500 persoas asistiron esta fin de semana ao Festival Cinema Crianza

Luns, 19 de novembro de 2018

[19-11-2018] A segunda edición do festival internacional de cine infantil Cinema Crianza celebrouse esta fin de semana no Concello de Ames. Durante tres días, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns enchéronse de curtametraxes que reivindicaron o audiovisual como ferramenta pedagóxica e de exploración do mundo para as crianzas. O xurado do festival estivo conformado polo director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño, a directora e realizadora Sandra Sánchez, e a guionista Sara Gómez Iglesias. Así, na categoría “Axóuxeres”, a gañadora foi a curta xaponesa “Good Night”, que acadou tanto o premio do xurado como o do público, mentres que a curta chilena “Petit, quiero ser grande” acadou a mención especial. No tocante á categoría “Buxainas”, o premio do xurado recaeu na curtametraxe hindú “Rammat-Gammat” mentres que o do público foi para a exipcia “Fhedi”. A mención especial recaeu na iraní “Narge´s voice”.


O festival de cine infantil Cinema Crianza deu comezo coas sesións infantís, que se realizaron as mañás do xoves e venres, 15 e 16 de novembro. Durante estas xornadas, ás que asistiron un total de 629 escolares, proxectáronse unha serie de curtametraxes de alto contido didáctico, exclusivas para o público escolar. As obras, candidatas ao premio buxainas, abordaron temática moi diversa, entre a que se atoparon cuestións como a migración, igualdade de xénero, acoso escolar ou a multiculturalidade .

A tarde do venres tivo lugar, ás 18.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns, a sesión inaugural. Ao evento asistiron o concelleiro de Cultura do Concello de Ames, David Santomil, e o director creativo do Festival Cinema Crianza, Marcos Nine. Durante a presentación, ambos falaron da relevancia do certame (o único en Galicia que proxecta filmes infantís internacionais), así como da importancia do audiovisual como ferramenta para a educación dende idades temperás, de coñecemento e de exploración do mundo e de fomento da capacidade creativa das máis pequenas e pequenos.

De seguido, os asistentes puideron gozar do bloque “Narracións extraordinarias”, unha serie de nove curtametraxes pensadas para maiores de cinco anos. O fío común destas pezas, cheas de todo tipo de seres fantásticos de tódolos tamaños e formas imaxinables, foi o mundo dos soños e da fantasía.

Durante catro días proxectáronse un total de 73 curtametraxes chegadas desde os cinco continentes. As pezas exhibidas competiron en dúas: “Buxainas” (para nenas e nenos desde os 7 anos) e “Axóuxeres” (para bebés). Ademais, o Festival Cinema Crianza tamén acolleu, durante estes días, as proxeccións de diferentes videoclips de coñecidos músicos galegos como Magín Blanco, Xoán Curiel, Os bolechas & Monoulious Dop ou A gramola gominola, entre outros.


Unha segunda xornada chea de curtametraxes, música e pedagoxía 
A xornada do sábado estivo marcada por dúas actividades e a proxección de cinco bloques de curtametraxes a concurso, todo elo na Casa da Cultura de Bertamiráns. A mañá comezou co visionado da sesión “Pequenas criaturiñas”, formado por oito curtas dirixidas ás e aos máis cativos/as da casa. As pezas, cheas de aventuras, tentaron transmitirlles aos máis pequenos valores como a amizade ou o coidado do medio ambiente.

A partir das 12.45h, os nenos e nenas, acompañados das súas familias, puideron cantar e bailar mentres visionaban os videoclips A fábrica de Carmela (A Gramola gominola), A cor da rosa (Mão verde), Plátanos (Oviravai), Xa están aquí os bolechas (Os bolechas &Monoulious Dop) e Esta canción (Xoán Curiel) Asemade, durante a sesión, que contou coa presenza do músico Xoán Curiel, estreáronse os videoclips O meu avó Ie-ie de Magín Blanco e A casa do terror, de Xoán Curiel e a Banda do verán.

Xa pola tarde, a técnica da Aula da Natureza de Ames, Patricia Reboreda, e o xornalista deportivo da TVG Fran Cañotas, presentaron as sesión de curtametraxes “Brotes verdes”, sobre a necesidade de coidar a natureza; e “Arredor dunha pelota”. A sesión vespertina tamén incluíu o bloque musical “O reino das harmonías” e “A miña familia e outros animais 1”. Asemade, ao longo do día tamén se puido visitar a Feira das ilusións, un percorrido expositivo teatralizado no que se puideron coñecer unha chea de xoguetes ópticos e enxeños visuais que serviron de inspiración para a creación do cinema.

Remate do Cinema Crianza coa proxección das curtas gañadoras
A última xornada do festival, que se realizou na Casa da Cultura do Milladoiro, acolleu a proxección dos bloques “Primeiras aventuras”, e a segunda parte das sesións “A miña familia e outros animais” e “Narracións extraordinarias”.

A sesión de clausura, que tivo lugar a partir das 18:00 horas, contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o director creativo do Festival Cinema Crianza, Marcos Nine.

O xurado, formado polo director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; a directora e realizadora Sandra Sánchez e a guionista Sara Gómez Iglesias, deron a coñecer os nomes dos gañadores desta segunda edición do Festival Cinema Crianza.
Na categoría “Axóuxeres”, a gañadora foi a curta xaponesa “Good Night”, que acadou tanto o premio do xurado como o do público, mentres que a curta chilena “Petit, quiero ser grande” acadou a mención especial. No tocante á categoría “Buxainas”, o premio do xurado recaeu na curtametraxe hindú “Rammat-Gammat” mentres que o do público foi para a exipcia “Fhedi”. A mención especial recaeu na iraní “Narge´s voice”



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Cinema Crianza premió cortos que llegaron de la India, Egipto y Japón "
Compostela 24 horas: "Remata Cinema Crianza coa entrega de premios ás mellores curtas do festival"