Pestanas principais

Arredor de 300 mozos e mozas participaron nas sete actividades do programa Trouleando durante o 2021

Xoves, 23 de decembro de 2021

Entre abril e novembro de 2021, a Concellaría de Mocidade de Ames puxo en marcha sete propostas de ocio saudable baixo o programa Trouleando, do que están “moi satisfeitas coa súa acollida”, segundo a concelleira Escarlata Pampín. Unha media dunhas 40 mozas e mozos sumáronse mensualmente a estas actividades, ofertadas unha fin de semana ao mes como alternativa de ocio participativo, igualitario e saudable. Ademais, este ano contaron coa opinión directa da mocidade, que puido mostrar os seus gustos persoais a través dunha enquisa nas redes sociais da OMIX de Ames.

Dende que en abril de 2021 se retomase o programa Trouleando, parado ata aquel momento por mor das restricións para facer fronte á Covid-19, a Concellaría de Mocidade de Ames ofertou sete actividades, nas que tiveron moito peso o deporte, a participación e a natureza. A técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), Pili Villaverde, destacou a gran aceptación que están a ter estas actividades entre a mocidade amesá. “Trouleando é un programa que pouco a pouco se vai consolidando como un referente para a xuventude. En todas as actividades aos poucos días tivemos prazas cubertas e lista de espera”.

Mocidade considera ao Trouleando un éxito de participación, con arredor de 300 mozas e mozos participantes nas propostas de rafting, barranquismo, escapismo, ou mesmo excursións a parques acuáticos ou de trampolíns. “Estamos moi satisfeitas coa boa acollida do programa, a rapazada está moi pendente para conseguir praza e desconectar coas súas amizades”, sinalou a concelleira Escarlata Pampín, que indicou que están “abertas a suxerencias para próximos Trouleandos”. O mesmo afirma Pili Villaverde, que cre que “as iniciativas teñen que vir da propia mocidade, que son os que coñecen os seus propios gustos”. Neste senso, a OMIX de Ames lanzou unha enquisa a través das súas redes sociais a comezos de ano, para que a xuventude amesá puidera opinar sobre as fins de semana do Trouleando de forma directa.

O programa Trouleando comezou en abril cunha fin de semana de rafting, no que as participantes descenderon polo río Ulla nun tramo entre Carcacía e Herbón, en Padrón. A seguinte viaxe foi ao Ecoparque Multiaventura de Marín, no mes de maio, no que corenta mozos e mozas gozaron de catro circuítos suspendidos a diferentes alturas en plena natureza, cun total de máis de 70 xogos e tirolinas.

Xa nos meses de xuño e xullo, viaxouse respectivamente ao Aquapark de Cerceda e a Santa Baia, en Outes, para realizar unha xornada de barranquismo, que consiste no descenso a pé pola canle alta dun río. En setembro, o Trouleando foi ata Cacheiras (Teo), para gozar dunha actividade no Labirinto de Millo situado na Torre.

As dúas últimas propostas do programa organizáronse en outubro e novembro, coa visita ao parque de trampolíns, saltos e acrobacias Nova Jump, en Santiago de Compostela, así  como unha sesión nun centro de ocio escape room, con tres xogos con diferentes ambientacións e retos para a mocidade.

Arredor de 300 mozos e mozas participaron nas sete actividades do programa Trouleando durante o 2021

Multimedia

  • Arredor de 300 mozos e mozas participaron nas sete actividades do programa Trouleando durante o 2021