- Tematica
Este verán 2023, a Aula da Natureza do Concello de Ames ofreceu distintos campamentos para nenos e nenas da etapa de Primaria, tanto con estadía nocturna como urbanos. En total, houbo 289 participantes de tódolos cursos. Esta oferta lúdica busca dotar á cativada das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, e fomentar a convivencia, a cooperación, e o respecto; ao tempo que se achega aos nenos e nenas ao medio natural, ao deporte e á cultura.
O servizo de campamentos de verán 2023 está dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de Infantil, Primaria, Secundaria ou Bacharelato. A Aula da Natureza do Concello de Ames foi a encargada da organización e coordinación dos campamentos da rapazada da etapa de Primaria, que este ano reuniron a 289 participantes.
Deste xeito, para os rapaces e rapazas 1º de Primaria programouse un campamento na granxa escola de Bergando (Negreira), entre o 6 e o 8 de xullo, ao que acudiron un total de 21 persoas. Pola súa banda, 23 nenos e nenas de 2º de Primaria gozaron dunhas xornadas na granxa-escola Corazón de Carballo (Tomiño), do 26 ao 28 de xullo. Ademais, 40 cativos e cativas de terceiro curso viaxaron ata a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes) do 23 ao 26 de xullo.
Xa no segundo ciclo de Primaria, 40 nenos e nenas de 4º de Primaria puideron participar no campamento Alvarella (Fragas do Eume), do 26 ao 30 de xuño. A rapazada de 5º foi ao Camping O Terrón (Vilanova de Arousa), do 3 ao 8 de xullo. Cubríronse 40 prazas. Para os máis maiores da etapa, os nenos e nenas de 6º de Primaria, organizouse un campamento na praia de Patos (Nigrán). Houbo dúas quendas: do 25 ao 30 de xuño e do 9 ao 14 de xullo. En cada unha das quendas participaron 30 mozos e mozas.
Para nenos e nenas de 8 a 14 anos desenvolveuse unha segunda quenda no campamento Alvarella (Fragas do Eume) entre o 4 e 6 de agosto, con prazas reservadas para usuarios/as con discapacidade igual ou superior ao 33%. O campamento contou con monitores de apoio para axudar á rapazada con necesidades especiais. En total, esta iniciativa reuniu a 15 participantes.
Ademais, a Aula da Natureza organizou dúas quendas para o seu campamento urbano, dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizouse do 3 ao 14 de xullo, mentres que a segunda quenda foi do 17 ao 28 de xullo. En cada unha das quendas participaron 25 rapaces e rapazas.