Pestanas principais

Arredor de 40 persoas participaron na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”

Venres, 24 de xaneiro de 2025

O local da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) acolleu este pasado xoves, 23 de xaneiro, o sorteo dos tres premios incluídos na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. No sorteo participaron arredor de 40 persoas que enviaron como mínimo dúas fotografías realizadas en dous dos lugares seleccionados polas súas decoracións de Nadal: nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, ou na praza da Madalena e no aparcamento do Supercor, no Milladoiro. As persoas premiadas foron Alejandro Germán Jofre, Laura Paz García e Manuel Balsa Ces, que recibirán tres vales de 250, 150 e 100 euros, para gastar en comercios amesáns adheridos a XEA.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido, a xerente de XEA, Beatriz López, e o vogal de XEA, Jorge López, foron os encargados de realizar o sorteo para coñecer ás tres persoas premiadas na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. O acto realizouse este pasado xoves, 23 de xaneiro, no local de XEA, que está situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns.

Este certame está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), en colaboración coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames, e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayuela. Esta iniciativa ten o obxectivo de dinamizar os establecementos locais, fomentando o achegamento da cidadanía ás rúas más comerciais do concello. Para participar na campaña había que realizar dúas fotografías en dous dos lugares seleccionados polas súas decoracións de Nadal: nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, ou na praza da Madalena e no aparcamento do Supercor, no Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, deulle os parabéns ás tres persoas gañadoras e mostrouse moi satisfeita pola boa acollida que volver ter este ano a campaña Ilumina o teu sorriso entre a veciñanza de Ames e visitantes da contorna. “Este ano mantívose a participación respecto do ano pasado con arredor de 40 participantes, o que indica que este concurso xa é coñecido entre a veciñanza. O que se busca con este certame é dinamizar as nosas rúas e percorrer o noso concello usando os elementos decorativos instalados este Nadal”. Así mesmo, agradeceu “a XEA que organice este concurso ano tras ano para axudar ao comercio e á hostalaría local”.

Persoas premiadas
Nesta edición mantívose a participación respecto da edición anterior con arredor de 40 participantes. Nesta quinta edición as persoas premiadas foron Alejandro Germán Jofre,  que recibirá un vale de 250 euros; Laura Paz García, premiada cun vale de 150 euros; e Manuel Balsa Ces, que recibirá un vale por valor de 100 euros. Os números gañadores foron o 19, 18 e 15. Os vales son para realizar compras nos establecementos comerciais adheridos a XEA.

Arredor de 40 persoas participaron na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”

Multimedia

  • Arredor de 40 persoas participaron na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”