- Tematica
O pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, un total de 386 nenos e nenas están a participar neste programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor da cultura celta e a súa influencia nas nosas tradicións.
A Escola de Verán é un programa de conciliación que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Ao abeiro desta iniciativa, os cativos e cativas participan durante os meses de xullo e agosto en diversos xogos e exercicios, a través dos que se busca que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto pola contorna, sempre dende o punto de vista lúdico e creativo. Así mesmo, o programa inclúe os servizos de comedores e Bos Días.
Nesta primeira quenda están participando no programa un total de 386 nenos e nenas: 236 no CEIP da Maía, 82 no CEP de Ventín e 68 na EEI do Milladoiro. Dos 386 usuarios/as da primeira quincena de xullo, 270 empregan o servizo de comedor e 145 o de Bos Días, dúas opcións que se ofrecen ás familias para potenciar a conciliación.
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, achegáronse ata as instalacións do CEIP da Maía, en Bertamiráns, para comprobar como se están desenvolvendo as actividades da Escola de Verán. Alí falaron cos nenos e nenas e tamén cos/as monitores/as que prestan dito servizo. Está previsto que no mes de agosto visiten aos rapaces e rapazas do Milladoiro.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, destaca “a gran participación que ten esta edición da Escola de Verán. A través deste programa os rapaces e rapazas teñen unha alternativa de ocio e diversión durante as mañás dos meses de verán. Ao mesmo tempo as familias poden conciliar durante o tempo que non dispoñen de vacacións estivais”.
Datos de participación
Nesta edición da Escola de Verán hai unha gran participación. O número total de usuarios/as é de 1.082, aínda que hai que ter en conta que moitos dos nenos e nenas repiten participación en varias quincenas do programa. A participación divídese por quincenas. Deste xeito durante a primeira quincena do mes de xullo participan 386 usuarios/as: 236 no CEIP A Maía, 68 na EEI Milladoiro, e 82 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de xullo hai unha participación de 328 usuarios/as: 194 no CEIP A Maía, 64 na EEI Milladoiro, e 70 no CEP de Ventín. En total en xullo hai 714 inscricións feitas tendo en conta as dúas quincenas.
No que se refire ao mes de agosto, hai 368 inscricións feitas tendo en conta tamén as dúas quincenas. Durante a primeira quincena do mes de agosto participan 197 usuarios/as: 100 no CEIP A Maía, 43 na EEI Milladoiro, e 54 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de agosto hai unha participación de 171 usuarios/as: 85 no CEIP A Maía, 35 na EEI Milladoiro, e 51 no CEP de Ventín. As inscricións do mes de agosto son provisionais porque hai familias que aínda poden darse de baixa. Teñen que facelo con 5 días antes de antelación ao comezo do servizo.
Viaxe ao pasado para coñecer a cultura celta
Durante a primeira quincena de xullo os nenos e nenas realizarán unha viaxe ao pasado para coñecer a cultura celta, tan presente nas nosas tradicións. A través desta viaxe, non só se mergullarán nun pasado fascinante, senón que lles axudará a fomentar unha maior apreciación polo legado cultural que nos rodea. O obxectivo é que a cativada descubra as súas propias raíces e as influencias que a cultura celta tivo en diversas partes do mundo.
O pobo celta era coñecido pola súa conexión coa terra, os ciclos da natureza e a súa espiritualidade profunda. Así, a través dunha metodoloxía lúdica e participativa descubrirán diferentes aspectos da mitoloxía, as tradicións ou a arte, ao tempo que se desenvolven habilidades prácticas e de traballo en equipo.
Deste xeito, algunhas das actividades que se levaron a cabo foron a recreación dun castro con material de refugallo, ou a realización dun pequeno circuíto no que se tratou a transformación dos cereais, unha das actividades agrarias máis importante dos celtas. Tamén participaron no “Roteiro dos Druídas”, un xogo de pistas onde descubriron diferentes tipos de plantas medicinais e reflexionaron sobre os diferentes roles que había na época dos celtas a través dunha dinámica de igualdade.
Así mesmo, tamén se levaron a cabo actividades de ioga infantil, contacontos, xogos predeportivos… A primeira quincena rematará coa festa final celebrando a LITHA, a celebración celta que conmemora o verán.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ao redor de catrocentos rapaces de Ames participan nas actividades de conciliación da Escola de Verán"