- Tematica
O pasado sábado 1 de xuño tivo lugar unha nova camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre. A actividade, na que participaron 47 persoas, desenvolveuse en horario de mañá e estivo amenizada polo grupo teatral Os Quinquilláns. O percorrido de 4 quilómetros arrancou na aldea de Oca e discorreu pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. Ao remate servíronse uns petiscos saudables.
O segredo das Fragas do Tambre é a nova camiñada que se organiza despois do éxito de participación que tiveron as camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña, organizadas durante o último trimestre de 2023, incluídas dentro da programación de outono da Aula da Natureza. Desde o departamento de Medio Ambiente informan que, nos vindeiros meses, está previsto facer dúas camiñadas máis por esta mesma ruta. As datas anunciaranse proximamente.
Desta volta, búscase que a veciñanza de Ames coñeza a diversidade ambiental e valor histórico e patrimonial que existe arredor das Fragas do Tambre.
Percorrido de 4 km de dificultade baixa
O percorrido tivo unha distancia total de 4 quilómetros e ao remate servíronse uns petiscos saudables. A camiñada partiu da aldea de Oca e discorreu pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens.
Os/as participantes comezaron na aldea de Oca e durante o primeiro tramo da ruta percorréronse camiños e pistas forestais. Ao longo da andaina foron atopando personaxes que habitaron nestes lugares noutras épocas e visitaron o petróglifo de Oca, testemuña da presenza dos primeiros habitantes da zona. Máis preto dos nosos días eran importantes as barcazas e barqueiros que cruzaban tanto ás persoas como aos animais camiño dos mercados da Baña. Especial relevancia tivo tamén a presenza da auga, tanto a que leva o río Tambre, como a que brota da multitude de fontes que provén directamente do subsolo.
Xa no Pazo de Lens, Javier Varela e a súa familia acolleron aos participantes na súa casa, onde ademais dunha viaxe na historia puideron desfrutar dos sus fermosos xardíns, que recollen espléndidos exemplares de buxo, así como unha das camelias máis senlleiras de Europa. Para finalizar, degustáronse uns petiscos con produtos naturais de proximidade co obxectivo de fomentar hábitos saudables entre as persoas participantes.