- Tematica
O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo, 19 de xuño, unha das probas de supercross da Galicia League. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia.
Despois de tres anos sen poder organizar esta proba debido á pandemia da Covid o Motoclub Ameixenda volve a carga cunha nova edición do Gran premio Concello de Ames de supercross. Trátase dun evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, de acordo a lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia.
Nesta proba, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure” na parroquia da Ameixenda, Ames, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia, podendo destacar ao piloto Román Pérez, que foi campión de España de supercross e motocross, así como campión nacional portugués.
Dende a organización indican que participarán arredor de 60 pilotos. Como anécdota cómpre destacar que o presidente do Motoclub Ameixenda, José Manuel García Moure, competirá contra o seu fillo Alex García, de 12 anos de idade, na categoría amateur.
Para a organización da proba o Motoclub Ameixenda conta coa colaboración do Concello de Ames, da Agrupación de Protección Civil de Ames, da Deputación da Coruña e do Salón de Beleza Paula, situado en Bertamiráns. Os/as participantes que se inscriban estarán divididos/as en seis categorías diferentes: elite, amateur, 85cc, 65cc, 50cc, e féminas.
Horarios
Entre as 8:30 e as 10:15 horas da mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Ás 15:30 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
Circuíto SX Alex de Moure
O circuíto SX “Alex de Moure” dispón dunha pista de 680 metros por 6 de ancho e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para a contemplación desta modalidade deportiva.
Este ano realizáronse varias melloras no circuíto. Deste xeito, déuselle máis ancho ao circuíto nalgúns treitos, e ademais, como principal novidade, habilitouse un novo salto.