Pestanas principais

Arredor de 70 cans participaron no Milladoiro nunha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España

Luns, 29 de xullo de 2019

O campo de fútbol do Milladoiro acolleu esta pasada fin de semana unha nova proba de Agility que puntuou para o campionato de España. Organizada polo club canino Amizar Agility, a proba contou coa colaboración do Concello de Ames, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion e da clínica veterinaria Media Lúa. Participaron arredor de 70 cans divididos en tres categorías diferentes: mini, midi e estándar. A competición, na que exerceu como xuíz Domingos Carneiro, celebrouse do venres 26 ao domingo 28 de xullo.

O club canino Amizar Agility volveu organizar unha proba que puntuou para o campionato de España 2020 da Real Sociedade Canina de España. Desta volta, a competición desenvolveuse en tres días. O venres 26 e o sábado 27, as probas comezaron ás 16:30 horas, mentres que o domingo 28 realizouse dende as 09:30 horas. Esta proba contou coa colaboración do Concello de Ames, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion e da clínica veterinaria Media Lúa.

Deste xeito, dende o Concello habilitouse un espazo, ao carón do campo de fútbol, para que os cans participantes puidesen adestrar. Ademais, colocouse un cartel informativo para facilitar que os/as participantes en dita proba, chegasen ao campo de fútbol do Milladoiro con maior facilidade. Por parte do Concello, o venres 26 de xullo asistiron á entrega de premios a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e maila concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez.

A proba desenvolveuse tendo en conta o tamaño dos cans participantes. Deste xeito, estiveron divididos en tres categorías diferentes: mini, midi e estándar. Na categoría mini participan os animais que saltando non conseguen superar os 30 centímetros. A segunda categoría abrangueu aqueles outros cuxo chimpo acada alturas de 40-50 centímetros. A terceira das categorías, a estándar, inclúe os cans de maior tamaño que conseguen realizar saltos de ata 60 centímetros.

Asemade, a competición presentou tres graos diferentes. O primeiro equivale a un nivel de iniciación, en tanto que o segundo é un nivel intermedio. O terceiro dos graos é o máis elevado da competición, ao presentar maiores esixencias para os animais e pistas de maior dificultade. Cada un dos graos contou con dúas probas: o jumping e o agility. O jumping está formado por circuítos nos que as zonas de contacto non están presentes, polo que os animas alcanzan maiores velocidades. O agility, ao contrario, si que presenta zonas de contacto, as cales deben ser tocadas polas cans no desenvolvemento da proba.

Unha das novidades que presentou esta nova proba de Agility foi que puideron participar cans en grao cero (pre-agility). Estas probas incluíronse ao final das xornadas do venres e o sábado e, se ben tiveron carácter competitivo, non foron puntuables. A idea foi que eses cans que se están a iniciar nesta modalidade tivesen un adestramento en contacto coa competición.

Clasificacións da proba
Nesta proba participaron cans de Ames, A Coruña, Santiago de Compostela, Murcia, Cantabria, Suíza, etc. Cómpre destacar que o club organizador da proba, Amizar Agility, obtivo diferentes premios. Así, o venres, 26 de xullo, o can Nixon de Diego Rivademar, quedou terceiro no grupo 2 da categoría Mini-midi. No grupo 2, pero na categoría estándar, quedou no segundo posto, a cadela India de José Fernández.

Por outra banda, o sábado 27 de xullo, Nixon de Diego Rivademar, volveu quedar terceiro no grupo 2 da categoría Mini-midi. Por último, o domingo, 28 de xullo, Nixon de Diego Rivademar, quedou primeiro no grupo 2 da categoría Mini-midi. Premendo na ligazón que está ao pé desta nova podes consultar todas as clasificacións desta proba.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou “foi un pracer acompañar aos/as adestradores/as e aos seus cans nesta proba. Deste xeito, puidemos ver de primeira man o traballo e a compenetración que hai entre eles. Foi unha competición moi entretida un cun gran nivel. Agradecer ao Milladoiro S.D. por cederlles o campo para disputar a proba puntuable para o campionato de España 2020, e o club Amizar por convidarnos a compartir un anaco da tarde do venres con eles”.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "O Milladoiro reuniu no campo de fútbol a 70 cans para a proba Agility"

Compostela 24 horas: "Milladoiro acolleu a pasada fin de semana unha nova proba de Agility"

Imaxe da proba de agility

Multimedia

  • Imaxe da proba de agility
  • Imaxe da proba de agility
  • Imaxe da proba de agility
  • Imaxe da proba de agility
  • Entrega de premios da proba de agility
  • Entrega de premios da proba de agility